Un total de 35 expositores participarán na Feira da plantación en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

San Sadurniño acollerá este domingo 27 de abril a XIX edición da Feira da plantación, coa que se busca promocionar a produción e a comercialización agrícola da zona xunto coas posibilidades de desenvolvemento sustentable do medio rural . O evento está organizado polo Concello de San Sadurniño coa implicación dos departamentos de Medio Ambiente, Cultura e Turismo. Na feira daranse cita un total de 35 empresas, entre viveiros de planta e árbores, florerías, produtores de horta e firmas de maquinaria, ademais de postos de alimentación e de artesanía.

Durante 17 anos foi a asociación Bidueiro quen impulsou a Feira da plantación como punto de encontro da produción verde do concello e, andando o tempo, de toda a comarca. A disolución da entidade levou ao Concello de San Sadurniño a asumir a organización dun evento xa consolidado tras case dúas décadas de celebración ininterrompida.  Unha realidade da que se benefician tanto os expositores como a hostalaría da zona. De feito, a feira adoita atraer centos de visitantes, que aproveitan para pasear á beira do río Xubia, polos xardíns pazo , o contorno do convento do Rosario ou coñecer a horta de foiteiras autóctonas e mailo arboreto galego situados no lugar da Cortiña.

Porén, a XIX Feira da plantación tamén quere ser un escaparate para as empresas e persoas vinculadas ao agro e unha maneira de poñer en valor as posibilidades de futuro dun medio rural que é sinónimo de calidade de vida. O evento desenvolverase ao pé do colexio público de San Sadurniño baixo unha carpa de 2000 metros cadrados onde se acomodarán os 35 expositores  que confirmaron a súa asistencia. Entre eles cóntanse produtores, comercializadores e organizacións como a Casa do Mel de Goente ou a cooperativa de comercio xusto e responsable Equisol.

Como tal, a feira iniciarase pola mañá e estará aberta ata ben entrada a tarde con produtos de todo tipo relacionados co cultivo da terra. A organización dispuxo tamén un posto para xantar e mesmo se programaron dous sorteos de produtos doados polos expositores, un ás 13.30 e outro ás 18.30h. Ademais, todas as persoas asistentes levarán unha planta de recordo completamente de balde.

Na organización da XIX Feira da plantación colaboran Planteles Vivergal, a Deputación da Coruña e o Concello, quen confía en que o encontro sexa de novo un éxito de público -o ano pasado superáronse as 4.000 visitas- no que, ademais, as firmas expositoras alcancen unha boa cifra de negocio.

Actividades paralelas

Para os máis pequenos organizouse un obradoiro de cerámica entre as 16.30 e as 17.30 horas impartido pola artesá Xela Barro. Ao seu remate pasaralle o relevo á tecelá de Lamas Fina Casal, que ensinará a facer flores e pequenos adornos coa plana do maínzo -a folla seca das espigas-. Este obradoiro prolongarase ata as 18.30 horas e, igual que o anterior, é gratuíto.

Tanto un como outro traller van dirixidos principalmente a nenos e nenas, porén tamén están abertos á participación de persoas adultas e non será necesaria inscrición.

Por outra banda, o alumnado do CPI mostrará entre as 11.00 e as 13.30h. no patio cuberto do centro distintas experiencias científicas nas que estivo traballando durante todo o curso. Destacan os obradoiros de fabricación de biodiesel a partir de aceite reciclado, o de elaboración de xabón e outras curiosidades científicas que os rapaces e rapazas desde infantil ata secundaria se encargarán de explicarlles ás persoas que pasen visitar a exposición.

Neste sentido, un dos apartados máis rechamantes promete ser o dedicado aos autómatas construídos e programados polo alumnado nun obradoiro que resultou premiado no I Concurso Galego de Robótica.

Co gallo da Feira da plantación tamén chegará a San Sadurniño o autobús da campaña institucional da Xunta e Sogama “Separemos ben, reciclaremos mellor”. O vehículo estará aparcado nas inmediacións da feira e haberá varios monitores e monitoras que proporcionarán información sobre como facer unha correcta separación do lixo en orixe. Unha carpa albergará o xogo xigante da reciclaxe destinado aos nenos e nenas para quen, ademais, haberá agasallos.

24 de abril de 2014 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.