Un total de 33 centros educativos galegos participan no XIV Rebumbio Matemático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Concello, a través da Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade que dirixe Francisco Mourelo, informa sobre a celebración, o vindeiro venres, 25 de abril, das fases de zona da XIV edición do Rebumbio Matemático que organiza a Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA).

A iniciativa, formada por equipos compostos por tres escolares de 6º de Primaria matriculados en centros educativos de Galicia, realízase no marco do programa educativo municipal Coruña Educa, alcanzando un enorme éxito entre alumnos e profesores.

A actividade consiste na resolución de problemas matemáticos de forma cooperativa. Os diferentes equipos adoptan nomes relacionados directamente con esta ciencia, como Círculos, Isaac Newton, Einstein, 3 en 1, Isósceles, Cubik, ou Os Pitágoras.

Antes da fase de zona, houbo xa unha fase previa nos centros educativos de orixe que concluíu o pasado 31 de marzo e na que os centros seleccionaron aos seus equipos representantes. As fases desenvolveranse nas zonas da Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra e Vigo. En total participan 33 centros educativos de toda Galicia, 65 equipos e 235 escolares cos seus respectivos profesores á fronte de cada equipo.

Na fase que se desenvolve na cidade batéronse marcas de participación con 12 centros, 25 equipos e 115 escolares de 10 e 11 anos, case a metade dos que participan en Galicia. Esta fase realizarase o próximo 25 de abril no Fórum Metropolitano e constará de seis actividades variadas, entre as 11.00 e as 13.00 horas, comezando coa apertura de sóbrelos cos problemas matemáticos a resolver que será simultánea no resto de zonas de Galicia.

Os nomes dos equipos finalistas comunicaranse o 8 de maio en http://www.agapema.org e na web educativa da Concellaría de Educación, www.edu.coruna.es.

Os finalistas enfrontaranse na final galega que se celebrará o 23 de maio no Fórum Metropolitano.

19 de abril de 2014 | 11:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.