Un total de 17 peóns serán contratados en Cangas con cargo ao “Plan provincial de emprego 2014”
O goberno local aprobou, na xunta de goberno celebrada onte luns día 14 de abril, as bases para a contratación de 17 persoas desempregadas conforme ao “Plan Provincial de Emprego 2014” da Deputación de Pontevedra.
Grazas a esta subvención o Concello de Cangas poderá contratar, a tempo parcial durante seis meses, a catro peóns forestais para o servizo de limpeza e desbroce do entorno de xacementos arqueolóxicos; cinco peóns agrícolas para o roce e limpeza de espazos públicos; seis peóns de limpeza viaria e dous albaneis de apoio para as Brigadas Municipais, que traballarán nunha xornada de 25 horas semanais.
Os candidatos a estes 17 postos de traballo serán seleccionados pola oficina de emprego de Cangas, que realizará unha sondaxe de demandantes que cumpran as condicións esixidas segundo o establecido nas bases. Entre estas condicións atópanse a de ser un cidadán/á español, ter cumpridos os 30 anos e non superar a idade de xubilación obrigatoria, estar en posesión da tarxeta de demandante de emprego no INEM e preferiblemente non ser perceptores de subvencións.
Aquelas persoas seleccionadas polo servizo público de emprego deberán pasar unha proba selectiva, que terá lugar o vindeiro mércores 23 de abril ás 10.00 horas no salón de plenos do concello de Cangas. A proba consistirá na realización dun exercicio práctico e un cuestionario con preguntas relativas ás técnicas de traballo e ferramentas a utilizar polos peóns en función do posto ao que aspiren.











