publicidade hoxe

Un mes cargado de actividades para festexar as Letras Galegas en Arzúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza numerosas actividades para disfrutar do Mes das Letras. Cinema, literaratura e xogos populares centran unha programación pensada para o entretemento de todos os veciños e veciñas do municipio.

Mañá, xoves, 1 de maio, ábrese a programación coa presentación do libro ‘Coisas & Loisas’ do veciño Carlos Alberto Fernandes na Capela da Madanela ás oito e media do serán. O autor estará acompañado polo Alcalde nun acto guiado polo Director de Radio Arzúa, Armando Cascón, e que contará coa actuación das sopranos Patricia Rodríguez e Concepción Cascón.

A literatura terá máis presencia durante o mes con outra presentación, neste caso a da obra ‘Toda la gente errante’ de Luz Darriba, tamén na Capela da Madanela o sábado, día 10, ás oito e media nun acto organizado pola Biblioteca Municipal.

O cinema tamén conta para a programación do ‘Mes das Letras’; o venres, día 9,  proxectarase ‘Vilamor’ un filme galego dirixido por Ignacio Vilar que foi estreado no 2012 e rodado nos Ancares, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Poderase ver no telecentro ás sete da tarde.

O día central dos actos será, como de costume, o 17 de maio que este ano recae en sábado. Nesta xornada levaranse a cabo as actuacións do grupo de música e baile tradicional O Bringuelo e do Coro de Nenos da Escola de Música de Visantoña co espectáculo ‘Un paso adiante’, será no recinto feiral dende as seis da tarde.

A xornada do Día das Letras Galegas contará tamén co Obradoiro de Xogos do Mundo. Da man do programa ‘Lecer no rural’ promovido polo Concello este obradoiro achegarase aos centros escolares da vila o día 9, o sábado 10 a Oíns e a Branzá o día 31, en horario de catro e media a seis e media.

Por outra banda, co fin de promover o uso da nosa lingua, o venres día 30 desenvolverase no recinto feiral ás seis e media o obradoiro ‘Musicanta’ impartido por Pablo Díaz. Esta actividade consiste nunha sesión dunha hora na que se sucederán cancións, bailes e xogos en galego e vai dirixida a rapaces e rapazas de entre catro e dez anos. Para participar será necesaria a inscrición previa no Departamento de Cultura (teléfono 981 500 222), as prazas son limitadas.

O Mes das Letras completarase coa celebración da terceira feira de artigos de segunda man e artesanía Arzúa Vende o sábado vinte e catro no recinto feiral Terra do Queixo e coa presentación da ópera pirata e infantil ‘A famosa nota si’, unha creación propia dos alumnos de cinco, seis e sete anos da Escola de Música. Esta actuación dará comezo ás oito do serán o xoves, día 29, na Casa da Cultura.

José Luis García, o alcalde de Arzúa, convidaba esta mañá a todos os veciños e veciñas a participar nas actividades “variadas e diferentes entre si pero iguales no obxectivo de promocionar e achegar a lingua e cultura galega aos distintos sectores de poboación do noso municipio”.

30 de abril de 2014 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.