Un home tivo que ser evacuado en Salvaterra por intoxicación de fume no incendio dun garaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSalvaterra de MiñoSucesos
A-
A+
Europa Press

Un home de 39 anos de idade foi evacuado a un centro hospitalario este venres por intoxicación por fume debido a un incendio rexistrado nun garaxe que obrigou a desaloxar aos veciños dun inmoble de tres portais en Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Tras recibir a alerta dun particular ás 00,12 horas deste venres, o 112 Galicia de inmediato puxo en marcha un operativo no que participaron os Bombeiros de Baixo Miño e os de Ponteareas, ademais de Urxencias Sanitarias, Garda Civil e a Policía Local.

Os Bombeiros do Porriño indicaron que o incendio se rexistrou nun edificio de tres comunidades de veciños na confluencia da Avenida de Galicia e a Avenida do Miño.

O lume orixinouse no garaxe e afectou a dous coches, tras o que se estendeu a outros vehículos aparcados e as altas temperaturas causaron danos no teito. De feito, unha parte desprendeuse.

Axentes da Garda Civil indicaron ao 112 Galicia que foi necesario o desaloxo de dous bloques do edificio por mor da cantidade de fume que se acumulou no lugar. Finalmente, o lume quedou extinguido e resultaron calcinados dous turismos e unha moto.

O 061 atendeu in situ a un home de 40 anos que pediu a alta voluntaria e trasladou nunha ambulancia acompañado do médico da PAC a outro home de 39 anos, S.R.E., ao hospital vigués do Meixoeiro.

25 de abril de 2014 | 10:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.