Un grupo de directivos de portos pesqueiros daneses visitan o Porto de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaVigo
A-
A+

Unha delegación danesa, formada por responsables da Asociación de Portos de Dinamarca e directivos de sete portos pesqueiros, visitará entre hoxe e mañá as instalacións do Porto de Vigo.

O seu obxectivo é o de coñecer de primeira man o funcionamento da terminal viguesa como exemplo para o desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro do seu país, así como buscar posibles vías de colaboración entre Vigo e Dinamarca.

Para iso, durante a súa estancia na cidade, e tras ser recibidos polo Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, a delegación visitará as instalacións da Terminal de Transbordadores, así como os Peiraos Comerciais e a Terminal de Cruceiros. Pola súa banda, mañá mércores coñecerán o funcionamento do Porto Pesqueiro, líder mundial en tráfico de pesca para consumo humano, ademais de visitar as instalacións de Anfaco e Pereira e reunirse con responsables de Conxemar e a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo.

Datos de interese

Segundo as últimas estimacións efectuadas pola Asociación de Portos Daneses, os 20 principais complexos portuarios do país xeran, no seu conxunto, un volume de negocio próximo aos 2.300 millóns de coroas (308 millóns de euros).

Así mesmo, nos últimos anos percibiuse un crecemento significativo das actividades comerciais destes Portos en áreas que van desde a pesca e o transporte/xestión de colectores, ata o segmento de turbinas eólicas, pasando polo resto de servizos marítimos.  

Na actualidade, ao redor do 80% do transporte de mercadorías internacionais con orixe e destino en Dinamarca se efectúa por barco. Copenhague-Malmö (CMP), Esbjerg e Aarhus son os portos comerciais máis importantes do país nórdico.

Neste contexto, podemos afirmar que a relación comercial entre Vigo e Dinamarca creceu considerablemente en 2013, ao rexistrar un incremento nos seus intercambios comerciais do +123,5%. Destacan especialmente as exportacións con destino Dinamarca, con máis de 3.500 toneladas de mercadoría embarcada nos peiraos olívicos ao longo do pasado exercicio, fronte ás apenas 1.900 toneladas importadas desde os peiraos olívicos. Os automóbiles (+56%), as madeiras (+18%) e os metais e as súas manufacturas (+3.728%) son algunhas das mercadorías máis destacadas.

29 de abril de 2014 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.