publicidade hoxe

Un estudo froito da colaboración de Cultura e Concello das Neves, porá en valor o patrimonio arqueolóxico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello das Neves asinarán un convenio de colaboración para promover o estudo e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico galego. Con este obxectivo, ambas as administracións apoiarán un proxecto para avanzar nos traballos de investigación iniciados no xacemento de Porto Maior, un dos máis salientables dos que se adscriben en Galicia ao Paleolítico Inferior.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, visitaron o xacemento, acompañados polo alcalde das Neves, Raúl Emilio Castro Rodríguez, e mais polo arqueólogo que dirixirá os novos traballos de investigación. Os principais cometidos nesta nova fase, que se prevé desenvolver durante o próximo verán, estarán centrados na ampliación da zona escavada, na realización de escavacións en novas áreas e tamén na sondaxe arqueolóxica do xacemento, co fin de obter novas mostras que permitan realizar datacións máis precisas.

O xacemento arqueolóxico de Porto Maior, no concello pontevedrés das Neves, foi localizado a finais do ano 2005 con motivo da realización de obras na zona e nel apareceron numerosos restos de industria lítica paleolítica. Trátase dun dos xacementos máis salientables dos que se adscriben en Galicia ao Paleolítico Inferior, xa que presenta industria acheulense en contexto estratigráfico, a máis completa entre as coñecidas en Galicia, no que salienta a abundancia de macroutilaxe (bifaces, fendedores e triedros).

Estudos para caracterizar o xacemento

Nos últimos anos, leváronse a cabo en Porto Maior estudos para caracterizar, investigar e contextualizar o xacemento arqueolóxico, que tamén contaron co apoio da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Na actuación realizada en xuño de 2012 foi localizado un solo de ocupación con materiais en posición orixinal de alto interese científico e recuperáronse 1.313 pezas en diferentes niveis estratigráficos, principalmente de tecnoloxía acheulense.

16 de abril de 2014 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.