Un equipo da BBC visita A Coruña para gravar un capítulo de ‘Great Continental Railway Journeys’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

Un equipo da BBC visitará A Coruña para gravar un capítulo de Grandes Viaxes Ferroviarias Continentais (Great Continental Railway Journeys), a exitosa serie de documentais de viaxes que presenta Michael Portillo e que obtivo recoñecemento a nivel mundial desde que comezou a súa emisión en novembro de 2012.

O equipo de produción chegará á cidade o vindeiro luns, 7 de abril, para realizar as primeiras localizacións, mentres que o seu presentador, o xornalista e expolítico Michael Portillo -foi ministro de Defensa con John Major- visitará  A Coruña o próximo 23 de abril. Durante a súa estancia, o equipo percorrerá os lugares máis emblemáticos da cidade como a Torre de Hércules, onde gravarán este luns ás 14.00 horas.

Casa Museo Picasso, o xardín de San Carlos, onde repousan os restos do xeneral británico sir John Moore, e o Palacio Municipal de María Pita son outros dos lugares elixidos pola televisión británica para incluír na súa reportaxe que formará parte da serie que emiten numerosas cadeas de televisión en todo o mundo, entre elas, a 2 de Televisión Española.

Great Continental Railway Journeys é unha serie de documentais producidos pola BBC e caracterízase porque en cada programa o presentador Michael Portillo detalla as viaxes que realiza en tren por distintas cidades de Europa.

 

7 de abril de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.