Un concerto didáctico amosa en Vilagarcía a evolución da frauta traveseira a través de instrumentos de diferentes épocas
O Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía continúa cos actos conmemorativos do seu X Aniversario mañá, xoves, coa realización dun concerto didáctico sobre a frauta traveseira. O profesor Manuelo Morales explicará a evolución deste instrumento ao longo da historia mediante a interpretación de pezas musicais creadas en diferentes épocas para ser tocadas por frauta traveseira e utilizando os diversos tipos de instrumento existente. A actividade celebrarase a partir das 20:00 horas na sala de Conferencias do Auditorio e a entrada é libre e de balde ata completar aforo.
O recital didáctico sobre a frauta traveseira nace do crecente interese que existe no noso país polos instrumentos antigos e a conseguinte recuperación de moito do seu repertorio. O frautista que impartirá a sesión, Manuel Morales, marca os dous propósitos principais que ten esta actividade. Por un lado, da a coñecer o repertorio orixinalmente escrito para a frauta traveseira a solo, sen acompañamento e, por outro, dar a coñecer os diferentes tipos de frautas que existían nas súas afinacións orixinais.
Para elo, no recital tocaranse réplicas feitas polos mellores construtores actuais dos modelos máis representativos de cada frauta tipo e época, nas súas diferentes afinacións. Deste xeito, permitirá descubrir as diferentes sonoridades que aporta a evolución da construción do instrumento, pero tamén as que responden aos requirimentos estéticos de cada período.
Cinco tipo de frautas
Manuel Morales estrutura este recital didáctico nun programa composto por obras de J. Van Eyck (1590-1657), J. Hotteterre (1674-1763), J.S. Bach (1685-1750) G.P. Telemann (1681-1767), C.P.E. Bach (1714-1788), A. Stamitz (1750-1809) e F. Kuhlau (1786-1832). Para interpretar estas pezas de diferentes épocas utilizará unha frauta renacentista, unha frauta barroca de tres corpos, outra barroca de catro corpos, unha frauta rococó de catro corpos e outra clásica de catro corpos e dez chaves.
Manuel Morales obtivo o título Superior de Frauta Traveseira no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Gradúase en Frauta Traveseira no Real Conservatorio de La Haya (Holanda), foi durante cinco anos solista da Orquestra Sinfónica de León “Odón Alonso” e na actualidade exerce como profesor de frauta traveseira do Conservatorio Superior de Música de Vigo nas especialidades de Repertorio Orquestral e Historia da Frauta.
O currículo de Morales conta ademais co terceiro premio da Baroque Flute Artist Competition celebrada en Dallas (EEUU) en 2001, é Doutor pola Universidade de Aveiro (Portugal) coa tesi teórico práctica sobre la interpretación da frauta a finais do século XVIII, publicou numerosos artigos sobre a evolución do instrumento e a súa interpretación e regularmente colabora con grupos e orquestras de España e do estranxeiro.











