Un centenar de escolares de Soutomaior realizan unha limpeza simbolica das praias de Arcade

Limpeza de praias en Soutomaior
As actividades do programa de concienciación ambiental “Un mar de saberes” xa comezaron nos centros escolares do Concello de Soutomaior. Despois de que case 300 alumnos dos colexios Manuel Padín Truiteiro e Santiago Apóstolo participasen nos talleres de medio ambiente a semana pasada, este luns comezaron as primeiras xornadas de voluntariado ambiental para case un centenar de nenos e nenas.
Aprender a racionalizar o consumo ou a importancia de xestionar ben os residuos foron algúns dos temas que se trataron nos talleres ambientais nos que participaron a pasada semana 274 nenos e nenas, de primeiro a cuarto de primaria, dos colexios Manuel Padín Truiteiro e Santiago Apóstolo. Mediante o visionado de vídeos, xogos e concursos de preguntas e respostas, os pequenos foron adquirindo os coñecementos sobre natureza e reciclaxe que porían en práctica poucos días despois nas visitas ás praias de Arcade.
Estas visitas, concibidas como xornadas de voluntariado ambiental, levaron a 93 alumnos de 3º e 4º do Manuel Padín Truiteiro á praia de Ou Peirao en Arcade para realizar unha limpeza simbólica do litoral. Alí, os pequenos deron boa mostra da efectividade das charlas ao conseguir recoller ao redor de 20 sacos de residuos. Por cuestións meteorolóxicas, os alumnos do Santiago Apóstolo non puideron realizar esta actividade polo que se pospuxo até novo aviso.
As actividades do programa “Un mar de saberes”, continuarán á volta das vacacións escolares con visitas dedicadas ao patrimonio natural de Arcade e ao sector de pesca e marisqueo.











