Últimos días para apuntarse na I Andaina Terras de Altamira
A primeira edición da andaina “Terras de Altamira-Brión 50 km”, que terá lugar o sábado 17 de maio, conta xa con 100 inscritos a falta de catro días para o peche das inscricións. As inscricións poden formalizarse online, a través do blog (http://andainaterrasdealtamira.blogspot.com.es/), ou presencialmente na Piscina Municipal de Brión ata este domingo 4 de maio.
O prezo de inscrición é de 10 euros, que inclúen dous regalos conmemorativos da proba (unha bolsa e unha camiseta), así como os avituallamentos sólidos e líquidos consumidos durante a andaina, un xantar nun punto intermedio da ruta, servizo de ambulancias, asistencia aos participantes e servizo de duchas e de piscina. Dende a asociación xuvenil brionesa “O esquío no piñeiro” amosan a súa satisfacción pola repercusión que está a ter esta primeira andaina, xa que lembran que andainas hoxe consolidadas comezaron tamén con este número de participantes.
O total da Andaina suma 50 quilómetros e está distribuída en tres aneis, con saída e chegada na Carballeira de Santa Minia, polo que os participantes non están obrigados a percorrer os 50 quilómetros. Durante as 12 horas que durará a iniciativa, os camiñantes poderán elixir o anel ou aneis nos que participa, segundo a distancia que desexe percorrer: 14 kms (Anel 1), 22 kms (Anel 2) ou 14 kms (Anel 3).
A saída xeral no primeiro anel está fixado ás 9:00 horas do sábado 17 de maio. Ás 12:00 horas tomará a saída o segundo anel e ás 16:00 horas o terceiro. Dende a asociación xuvenil recomendan levar roupa e calzado axeitado, así como unha mochila provista de: gorra, gafas de sol e crema solar (protección).











