Última semana para presentar obras ao certame internacional Góis/Orosoartes 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso informa de que o próximo luns 5 de maio remata o prazo de presentación de obras para participar no certame internacional Góis/Orosoartes 2014. Un certame que está aberto a artistas nacionais e internacionais nas modalidades de pintura, fotografía, escultura e deseño, que poderán optar a expoñer tanto na localidade portuguesa de Góis (do 11 ao 31 de xullo) como en Oroso (do 12 de setembro ata o 3 de outubro).

As obras participantes serán escollidas por un xurado composto por distintas personalidades do mundo da arte e da cultura, de acordo coa cantidade de obras recibida, as súas dimensións e, por suposto, a súa calidade. Ademais, de entre todas esas obras escollidas, o xurado seleccionará 25 traballos que representarán ao Concello de Oroso na localidade portuguesa.

Cada autor poderá presentar un máximo de unha obra por modalidade artística, tendo en conta as seguintes restricións:

– pintura: un máximo dun cadro montado con marco ou listón e que non exceda dos 1,5 metros no seu lado maior.

– fotografía: un máximo de dúas imaxes enmarcadas e cun tamaño que non supere os 60 cm no seu lado maior.

– escultura: un máximo dunha peza cun tamaño que, sen peaña, non supere o metro de altura.

As obras deberán entregarse persoalmente, ou ser remitidas con portes pagados, no Rexistro Xeral do Concello de Oroso ou no centro cultural Fernando de Casas e Novoa de Sigüeiro antes do 5 de maio. As obras deberán estar perfectamente identificadas, achegando un sobre con todos os datos precisos (título da obra, ano de execución, técnica, dimensións, prezo, nome do autor, DNI, enderezo, teléfono, e-mail e un breve currículo) así como o boletín de inscrición convintemente cuberto e unha fotografía da obra en soporte dixital.

As bases do certame, así como o boletín de inscrición, poden descargarse na web do certame (www.goisorosoarte.com) o na páxina do Concello de Oroso (www.concellooroso.com).

30 de abril de 2014 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.