Tramítase un expediente informativo sobre a construción dunha rotonda na rúa compostelá de Galeras
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (APLU), está a analizar polo miúdo a construción dunha rotonda na rúa Galeras, en Santiago de Compostela, dentro do expediente informativo aberto. Así o indicou a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, que compareceu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia para abordar esta cuestión.
A secretaria xeral explicou que “desde o punto de vista da funcionalidade e da mobilidade viaria, a actuación que se pretende desenvolver na zona de Galeras por parte do Concello de Santiago non parece que ofreza dúbidas respecto da súa adecuación para mellorar as condicións do tránsito tanto de vehículos como de peóns e, por extensión, da calidade de vida dos veciños e veciñas desa zona e do conxunto da cidade”.
Non obstante, Rivas sinalou que “cuestión aparte é a consideración do procedemento e das condicións nas que esa actuación se poida levar a cabo”. Engadiu que “no tocante a ese aspecto, a Xunta está a avaliar estas obras, no marco do expediente informativo aberto a raíz dunha denuncia formulada en relación con esta actuación”.
Encarnación Rivas destacou que “a Xunta de Galicia considera que calquera fórmula de colaboración que permita afrontar melloras para a cidadanía debe ser valorada e apoiada, sempre e cando contribúa a un manifesto interese xeral para o conxunto da poboación e non entre en contradición ou supoña unha vulneración do marco lexislativo e das normas que lle sexan de aplicación”.
Rivas afirmou que “mentres non se remate a instrución e se adopte a resolución correspondente, a Xunta de Galicia non se vai pronunciar sobre a adecuación ou non do convenio e das súas determinacións ao marco legal vixente, e en particular ao recollido na Lei de ordenación urbanística de Galicia”.
Precisou que “a única xustificación para a paralización de actuacións ten que vir motivada por unha clara e probada acción contraria a dereito, cuestión que é preciso determinar polos medios e canles establecidos e que neste caso –e desde a perspectiva urbanística- non se ten producido”.
En conclusión, a secretaria xeral de Ordenación do Territorio manifestou que “desde as institucións é preciso actuar con prudencia e responsabilidade, polo que se as obras se axustan á normativa urbanística, poderán levarse a cabo e, en caso contrario, indicaráselle a necesidade de reformular o procedemento, rectificando o que sexa preciso co máximo respecto á legalidade e ao bo actuar administrativo”.











