Traballadores dos xulgados de Vigo concéntranse para que a cidade conserve o seu partido

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local Portada ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press
Concentración dos traballadores dos xulgados de Vigo

Concentración dos traballadores dos xulgados de Vigo

Máis dun centenar de traballadores dos xulgados de Vigo concentráronse na mañá deste xoves para esixir que a cidade conserve o seu partido xudicial -sen ser unha sede delegada de Pontevedra-, denunciar a “grande indefinición” do anteproxecto de lei e rexeitar a privatización do rexistro civil.

Con pancartas, asubíos e bucinas, e berrando lemas como “en Vigo quedará o partido xudicial”, “sen xustiza non hai dereito”, e “o ministro vende o rexistro”, a comitiva, na que estiveron presentes representantes do BNG e dos sindicatos UGT, CIG, CC.OO., SPJ-USO, CSI.F, realizou un breve percorrido cara a praza América, con saída e chegada na sede dos xulgados.

Con esta reforma, denunciaron, o PP segue “un guión de perda de dereitos cidadáns e colectivos” que fai retroceder a situación xudicial á que había antes de 1985 e que “cada vez afasta máis -á poboación- da xustiza”, cando é a que “vai a por eses dereitos”, recalcaron.

Nunha rolda de prensa previa á manifestación, os traballadores pediron o compromiso da Xunta para a defensa do partido xudicial tanto en Vigo coma noutras cidades de Galicia -como Santiago e Ferrol- para que, ao levar este anteproxecto ao Congreso, non aconteza como coas preferentes, onde foi rexeitado un acordo unánime do Parlamento galego.

Tal e como trasladou o representante da CIG Xosé Barreiro, tanto no caso da Lei do partido xudicial como na Lei de demarcación e planta, as reformas son “teóricas” e teñen “difícil encadre na práctica” e, ademais, non contan con “dotación presupostaria” para levalas a cabo.

Este anteproxecto establece a centralización dos partidos xudiciais na capital de provincia pero, segundo indicaron os sindicalistas, “Pontevedra non pode asumir a todos os traballadores, e non ten instalacións nin recursos”. Neste sentido, manifestaron que a reforma non ten que concentrar os recursos existentes nun sitio, “senón aumentar” eses recursos.

Igualmente, explicaron que na reforma se establecen varias excepcións, como que un único Tribunal de Instancia podería asumir varias provincias ou que nunha provincia poden haber sedes descentralizadas. Ante isto, os sindicatos criticaron a “grande indefinición” da lei, que non especifica como se aplicaría e financiaría esta reforma e qué competencias tería cada unidade xudicial.

REFORMAS NECESARIAS

Os sindicalistas tamén criticaron que o Goberno non está a realizar as reformas “que si son necesarias levar a cabo”. Así, incidiron en que nos xulgados hai “carencias económicas, de persoal, de equipamentos que fan que a xustiza non funcione como debería”.

“Estamos a falar de poñer o tellado á casa cando non temos nin os alicerces”, censuraron os traballadores que piden que se revise a estrutura xudicial, se outorguen competencias aos xulgados de paz e se cree unha única base de datos que conecten os partidos xudiciais de toda Galicia e os distintos organismos.

“Esta reforma é unha lei escurantista que non conta nin escoita os traballadores e, sen contar coa base da pirámide, é difícil de levar a cabo”, asegurou Barreiro, que avisou de que haberá unha “contestación na rúa”.

SOS XUSTIZA

Pola súa banda, a xunta directiva da asociación SOS Xustiza convocou na tarde deste xoves unha reunión de urxencia para tratar a desaparición do partido xudicial na cidade olívica e aprobar un paquete de medidas que teñen previsto levar a cabo para que o anteproxecto de lei sexa modificado en sede parlamentaria e o caso de Vigo sexa contemplado como unha “excepcionalidade”.

Na súa opinión, a reforma non ten en conta “o nivel de litixiosidade” do partido xudicial da cidade, que “quintuplica en número de asuntos ao de Pontevedra”; a súa demografía, que triplica respecto á capital da provincia; nin outros indicadores de carácter socio-económico.

10 de abril de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.