Todo preparado en Os Ingleses de cara ao importante partido do domingo en Valladolid

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVilagarcía de Arousa
A-
A+

Tras analizar o partido de ida onde os arousanos impuxéronse por 35 a 25 o equipo ten moi claros que aspectos do seu xogo debe utilizar no partido de volta e que problemas resolver.

Impor un amplo ritmo desde o primeiro minuto para así aproveitar a súa mellor forma e mellor banco, lembremos que a vitoria en Fontecarmoa se traballou durante todo o partido e non foi ata os últimos minutos cando o equipo conseguiu desbordar unha e outra vez aos valisoletanos conseguindo 4 ensaios, é a premisa principal en ataque.

En defensa só un ensaio conseguiu O Salvador obra do xoven Juan Ramos nun contraataque desde o seu propio campo que seria a única vez en todo o encontro que o seu equipo logrou pisar a 22 inglesa. O equipo inglés a pesar de ter un claro dominio da posesión e territorial concedeu 25 puntos, 18 deles mercé a golpes de castigo transformados pola estrela chamiza. Mellorar nesta faceta, o non conceder golpes, é a maior preocupación do corpo técnico que volverá contar coa axuda do All Black Norm Maxwell nos adestramentos desta semana e tamén se desprazará co equipo a terras castelás.

David Losada: “Non podemos ir pensando nos 10 puntos de renda, 80 minutos son moi longos no Rugby, debemos ir a polo partido desde o minuto 0, coa mesma actitude que mostramos en Fontearmoa, só sabemos xogar así e así volveremos xogar”

Na expedición Os Ingleses despraza aos 30 xogadores que ten dispoñibles para o partido e será o sábado, xa en terra valisoletana, onde despois do adestramento darase a lista de convocados. Só faltarán á cita Diego Losada, Marcial, Alberto e Valero por lesión e Carlos Martinez por motivos laborais.

O sábado ás 08:00 horas partirán arroupados por un pequeno grupo de afeccionados que non se queren perder o crucial encontro, e non serán moitos máis xa que o sábado Os Ingleses ten outros dous compromisos importantisimos.

O sábado ás 12:00 en Vigo xógase a ida dos cuartos de final sub-18 da Copa Xunta en Vigo fronte ao Blusens onde os mozos de Poli e Ju esperan sacarse o mal sabor de boca tras pelexar por estar na final da liga e finalizar cuartos nunha esixente competición.

Doutra banda, a maior parte dos recursos humanos e afeccionados quedarán o sábado en Fontecarmoa onde se celebra un Torneo de Rugby para veteranos que desde as 14:00 disputarán un torneo onde sen dúbida a confraternización e o bo ambiente serán máis importantes que os resultados.

160 xogadores divididos en 8 equipos ( Os Ingleses, Lalín, CRAT da Coruña, Melgachos de Vigo, Xabarín de Lugo, Zalaeta da Coruña, Mareantes de Pontevedra e Ourense) farán gozar sen dúbida a Fontecarmoa dunha festa do Rugby. Ademais moitos destes xogadores xa confirmaron que pasarán a noite na localidade e asistirán á festa-concerto que o club organiza no Pub Bianco que servirá para recadar fondos que axuden ao club na fase de ascenso. Actuarán a partir das 00:00 da noite o grupo Tumbling Di e a entrada con dereito a consumición custará 5 euros.

 

23 de abril de 2014 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.