“Toc Toc” chama ós máis cativos de Mos
A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza “TOC TOC”, unha actividade musical dinámica e participativa enmarcada dentro do programa “Ocio en Familia”.
Toc Toc é unha chamada á porta dun mundo de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non teñen cabida as guerras e sí a defensa do medio ambiente, a paz, a protección dos animais, a ilusión da chegada do Apalpador no Nadal, a fantasía do mundo dos piratas, e como non, o mundo paralelo dos/as nenos/as: os contos, onde poden aparecer protagonistas femininas, creativas e decididas ou o valor de amizades imposibles entre cans, gatos e ratos.
Este espectáculo que será gratuíto para todos os asistentes, vai dirixido ás familias con cativos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, e englóbase no eido musical do rock, pop, fol e tamén o soul, a alma da música moderna que partiu da tradición musical galega. Desta última aparecen dous romances infantís O piollo e a pulga e Mazarico, que entroncan coa nosa raizame.
O obxectivo desta actividade é o de incentivar a participación e o divertimento das familias mosenses, así como mellorar e aumentar os momentos de lecer compartidos entre os membros da unidade familiar, e desta forma tamén propiciar a interactuación e o contacto entre as diferentes familias do municipio.
Toc Toc levarase a cabo no Pazo dos Marqueses de Mos, o domigo 27 de abril ás 18.00 horas.











