‘Terrazas para convivir’ da Coruña informará os hostaleiros sobre a nova normativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Tráfico, Mobilidade, Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, informou esta mañá sobre a posta en marcha do Plan de Normalización de Terrazas que inclúe a campaña Terrazas para convivir, na que se informará directamente aos hostaleiros sobre os distintos aspectos da Ordenanza de Terrazas. “Queremos achegar a normativa a todos os hostaleiros para que saiban de primeira man o que permite a actual Ordenanza e pór a administración ao seu alcance para axilizar a resolución de posibles dúbidas que poidan xurdir nos casos concretos”, explicou. 

Freire indicou que a divulgación da Ordenanza “local por local”, do seu novo enfoque e criterios, é fundamental para alcanzar o seu obxectivo fundamental: a implicación de todo o colectivo orientada ao equilibrio de intereses no uso da vía pública e mellora da imaxe da nosa cidade, de forma que as terrazas queden integradas, sexan amables e atractivas para veciños e para visitantes e garántase a accesibilidade a todas as persoas. “Entre todos debemos de mellorar o aspecto estético das nosas terrazas, a súa integración na paisaxe urbana e a súa contorna, creando un impacto positivo e compatible cos dereitos das persoas e coa normativa de accesibilidade universal”,  indicou a concelleira.

Freire explicou que o mellor coñecemento da normativa e o que se poidan resolver dúbidas xerais no mesmo local vendo o espazo dispoñible in situ, dará un impulso importante ao cumprimento da normativa e dos trámites tendo en conta as características xerais e as específicas de cada un dos 1.000 locais -os que dispoñen de beirarrúas coa anchura mínima permitida para a instalación de terrazas- que se visitarán:

-Modalidades de terrazas (con ou sen cerramento estable).

-Anchura mínima de paso peonil libre (superior a 1,50 metros).

-Horario autorizado segundo as estacións do ano e días de semana.

-Posibilidade de ocupar frontes de locais lindeiros, previa autorización dos mesmos.

-Anchura mínima das beirarrúas para dispor de terrazas (2,50 metros – 2,30 metros, previa análise técnica).

-O mobiliario e a decoración pasan a ser elementos esenciais: debe coidarse a súa estética e calidade. 

-Prohibición de ancoraxes ao chan.

-Requisitos dos elementos de delimitación laterais e frontais.

-Nas contornas singulares como rúas peonís, prazas e centro histórico contémplase maior anchura de paso peonil libre e tratamento estético específico.

Ademais, repartiranse dípticos informativos nos que figuran as liñas xerais da Ordenanza, o teléfono e dirección das oficinas municipais que tramitan as autorizacións, e a dirección da páxina web na que está aloxada a información e impresos de solicitude.

Begoña Freire tamén informou de que o Concello ampliou o prazo de presentación de solicitudes de autorización de terraza para o ano 2014. En concreto, o novo período comprende até o 31 de maio, “de forma que os hostaleiros disporán de máis tempo para a toma de decisións respecto ao mobiliario, elementos auxiliares, e outros aspectos de adaptación das súas terrazas que deberán incluírse na documentación das solicitudes”, destacou a concelleira.

Durante a campaña tamén se lembrará aos hostaleiros que a bonificación de taxas que se introduciu na Ordenanza Fiscal, aprobadas definitivamente en xaneiro deste ano, debe solicitarse expresamente na solicitude de autorización de terraza.

1 de abril de 2014 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.