Teo presenta unha guía con recomendacións para enfrontar as consecuencias do teito do petróleo

Presentación da guía
O alcalde de Teo, Martiño Noriega, e o presidente da Asociación Véspera de Nada, Xoán Ramón Doldán, presentaban esta mañá en Teo a “Guía para o descenso enerxético”. Este traballo pretende divulgar o concepto do teito do petróleo, asumir a realidade de que cada vez hai menos e o que hai é máis caro. Nunha sociedade como a actual, na que a dependencia enerxética do petróleo é brutal, a certeza do fin desta enerxía esixe medidas tanto a nivel particular como institucional para minimizar o seu impacto.
Xoán Ramón Doldán, explicou a problemática que se suscita “para unha sociedade que busca medrar sempre e necesita enerxía o feito de dispoñer de menos cantidade de petróleo, e cada vez de peor calidade e máis caro”. Destacou ademais a dependencia que existe do petróleo en sectores como o transporte, onde chega a un 95%, case ao 100%. “E o encarecemento do transporte vai supor o encarecemento dos produtos de consumo” explica o profesor de economía aplicada na USC.
A solución proposta e explicada pormenorizadamente nesta guía “é traballar en enerxías alternativas, ir cara un modelo enerxético máis sustentable e consumir menos, reducir o consumo enerxético” continuou Doldán. Así explicou que hai que adoptar medidas para “diminuír a dependencia a nivel colectivo pero tamén particular”. A crise económica e o incremento de custes, por exemplo do transporte, xa fixo que agromaran iniciativas como a de compartir coche entre particulares. Outras accións nas que deben traballar as institucións “son a producción localizada, máis cercana ao lugar de consumo, diminuíndo así a dependencia do transporte”.
Pola súa banda o alcalde de Teo, Martiño Noriega, destacaba que Teo “recoñecía a existencia deste problema coa aprobación en pleno dunha moción sobre o teito do petróleo xa no ano 2009”. Os traballos realizados dende entón coa Asociación Véspera de Nada tamén evidenciaron a necesidade dun material de divulgación para que os particulares coñezan medidas concretas para minimizar o impacto desta realidade. Esta guía, coa que colaborou o Concello, usarase como material de divulgación e poderase consultar nas Casas Comúns ou nas bibliotecas municipais.
Doldán explicou que a tiraxe inicial é de 1.500 exemplares en papel e que o libro está na rúa grazas a unha campaña de micromecenazgo. Está previsto que a medio prazo tamén estea dispoñible en internet para a súa descarga.
A Guía para o descenso enerxético pretende ser unha ferramenta de uso e divídese en catro bloques. No primeiro fai un achegamento á realidade a que nos enfrontamos. O segundo é o que di o que se pode facer en ámbitos como o transporte, a alimentación, a saúde, o consumo enerxético, a educación e a formación, a economía ou as relacións sociais. Os puntos 3 e 4 falan das medidas que poden adoptar as pequenas empresas e as administracións locais.











