Teo inaugura a mostra ‘Libros de aquí’ que repasa a obra de 13 autores da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo realiza a II edición da exposición “Libros de aquí” que ten como particularidade que repasa a obra de autores naturais ou residentes no municipio. A inauguración pública farase este martes 22 de abril e a concelleira de Cultura, Carme Hermida, impulsora desta iniciativa estará acompañada de varios/as dos autores presentes na mostra.

Nesta edición recóllese o traballo bibliográfico de 13 teenses, 8 homes e 5 mulleres. A mostra estará aberta entre o 23 de abril e o 24 de maio na Mediateca do Grilo, en Cacheiras. O horario de apertura será de 10:30 ás 13:30 e de 16:30 a 20:30 horas.

O catálogo da mostra recolle un pequeno perfil de cada un dos autores e un resumo das súas obras publicadas. Este ano recóllese o traballo de Rocío Botana Iglesias, Xoán Xosé Fernández Abella, Fernando Acuña Castroviejo, Ana Arellano, Antón Figueroa, Laura Mª Lojo Rodríguez, Constante Calvo, Germán Conde Tarrío, Lita Rivas, Xosé Durán, María Eugenia López de Silanes Vázquez, Jorge Rey e Manuel Suárez Suárez.

A responsable de Cultura destaca que a temática das obras presentadas “é moi variada polo que na exposición conviven obras de creación literaria –caso das realizadas por Xosé Durán, Lita Rivas ou Xoán Xosé Abella- con aquelas consecuencia da investigación máis académica –como as de Eugenia López de Silanes, Fernando Acuña Castroviejo ou Rocío Botana”.

Hermida destaca que cando o Departamento de Cultura decidiu traballar nun catálogo de autores teenses “a gran cantidade de material atopado –velaí a fortuna e fartura de vivirmos nun dos concellos con maior nivel sociocultural de Galicia- obriguounos a concibir esta mostra, que xa dende o seu inicio, se deseñou con varias edicións”.

Escola de pais e nais

E no ámbito educativo destacar que esta semana continúa a escola de pais e nais que se vén realizando dende o mes de xaneiro. A reunión será o mércores 23 de abril na Mediateca do Grilo ás 20:15 horas e o acceso é libre, sen necesidade de inscrición. Nesta cuarta sesión falarase de técnicas de estudo, centrándose nos factores ambientais que inflúen no rendemento intelectual e nos recursos que facilitan o estudo. O obxectivo é aprender un método eficaz que favoreza o rendemento escolar. A escola de pais está dirixida a pais e nais de nenos e nenas de infantil, primaria e secundaria.

21 de abril de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.