Támara Echegoyen e Berta Betanzos en FX o mellor tándem español na Copa do Mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Támara Echegoyen e Berta Betanzos

Támara Echegoyen e Berta Betanzos

Finalizou en Hyères o trofeo que cada ano se celebra nesta localidade francesa bañada polas augas da Costa Azul, un dos emblemas da vela olímpica internacional e que conforma, xunto ao Sofía de Palma, as dúas únicas probas da Copa do Mundo ISAF que se celebran en Europa.

Última cita das cinco series, España meteuse na final disputada hoxe con ata tres clases: 470 Masculino, 49er e FX.

Na primeira delas, o tándem canario formado por Onán Barreiros e Juan Curbelo (Magic Marine-Alisios Sailing-Armar Ropes-Grupo Panorama) do RCN Gran Canaria, terminou a súa participación na novena posición, desde a sexta na que entrou en postos Medal ao finalizar onte coas series. O ouro foi para os australianos Mathew Belcher e William Ryan.

No 49er Masculino, os representantes españois foron os cántabros Diego Botín e Pablo Turrado, do Marítimo de Santander, que chegaban á última xornada tamén na sexta posición, baixando nas Medal Race ata a décima. Os vencedores da proba foron os neozelandeses Peter Burling e Blair Tuke.

En FX a galega Támara Echegoyen e a cántabra Berta Betanzos (Movistar) RCN Sanxenxo/RCM Santander, obtiveron o mellor resultado español da gran final francesa, xa non só polo seu segundo parcial rexistrado na segunda manga do día, senón polo sétimo da xeral co que se van de Francia. As vencedoras, líderes indiscutibles da cita de Hyères, foron as brasileiras Martine Soffiatti Grael e Kahena Kunze, nunha final de clase a tres probas nas que, as españolas foron mellores que as propias brasileiras.

Tras a regata de Francia, o obxectivo común do Equipo Olímpico Español de Vela será a próxima cita con todas as clases olímpicas, un momento extraordinario para o deporte español co mundial de Santander, a disputarse entre o 8 e o 21 de setembro próximos. Desta maneira, a cidade cántabra converterase en base estable operativa durante os próximos meses, tal e como corresponde á creación e finalidade do CEAR (Centro Especializado de Alto Rendemento) Príncipe Felipe.

28 de abril de 2014 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.