Taberna galega ‘Pande Millo’ faise co primeiro premio da II Festa de Exaltación da Navalla das Cíes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Na tarde do venres tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Cangas o acto de entrega de premios aos tres establecementos que realizaron as mellores propostas de preparación da navalla no marco da I edición da ‘Festa de Exaltación da Navalla das Cíes’ que desenvolveuse en Cangas ao longo do pasado fin de semana.

 O evento estivo presidido polo alcalde de Cangas José Enrique Sotelo acompañado pola concelleira de Turismo e Comercio Berta Pérez xunto con representantes da confraría de pescadores, dos navalleiros e dos hostaleiros. O rexedor fixo unha valoración moi positiva aínda que recoñeceu que “tamén hai moitas cousas que se poden mellorar”. Sotelo destacou que esta iniciativa sumada a outras como a Feira da Tapa o a Festa do Percebe teñen como obxectivo “desestacionalizar a actividade económica e dar a coñecer este tipo de produtos fóra da nosa comarca” declarou. Sotelo reiterou o compromiso do goberno local de apoiar este tipo de propostas. Neste senso hai que destacar que dende o goberno local imprimíronse 2.500 dípticos, 150 carteis, realización de presentacións e parte da campaña publicitaria do evento culinario, todo para que o evento resultase un éxito. O rexedor tamén apuntou a posibilidade de mellorar as próximas edición co desenvolvemento de actividades paralelas na vila durante os días previos a cita gastronómica.

Pola súa banda Pérez animou aos hostaleiros a continuar impulsando este tipo de iniciativas “que non só serven para impulsar a actividade económica senón que tamén para promocionar a imaxe de Cangas como pobo” apuntou.

No concurso participaron 19 establecementos de todo o concello con propostas diferentes e orixinais de como preparar este producto gastronómico e que foron valoradas por un xurado composto por representantes da confraría de pescadores, do Concello e dos propios hostaleiros.

Nesta primeira edición foi a taberna galega ‘Pandemillo’ a que conseguiu o primeiro premio coa súa orixinal proposta de torta de millo con navalla escaldada e algas que convenceu ao xurado. En segundo lugar quedou as fabas con navalla, aguacate e wakame que propoñía a tenda degustación ‘Artemar’, pechando os postos de honra o ‘saquito das Illas Cíes’ ofrecido pola taberna andaluza ‘El Jabuguito’. Os tres establecementos recibiron como recoñecemento un agasallo xunto cos diplomas acreditativos da súa participación nesta primeira edición para todos os establecementos participantes.

Un tesouro gastronómico

A navalla xunto ao percebe son dúas das xoias gastronómicas de Cangas, no en vano ambas especies supoñen o 50% da facturación da lonxa canguesa na que se vendeu ao longo do 2013 66.039 quilos de navalla por un valor de 541.110 euros dando traballo a 25 persoas.

4 de abril de 2014 | 20:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.