Suscríbese un convenio de 18.000 euros co Clube Fútbol Sala San Sadurniño
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente do C.F. San Sadurniño, Plácido López, asinaron este luns o convenio de colaboración entre o Concello e a entidade deportiva de cara a financiar as actividades que desenvolve. O documento reflicte o compromiso municipal de achegar 18.000 euros, que o clube local destinará principalmente ao mantemento das escolas de fútbol e a gastos de funcionamento.
O Clube de Fútbol sala San Sadurniño recibirá os 18.000 euros en tres veces: 9.000 euros anticiparanse á entrada en vigor do convenio, outros 4.500 no mes de xullo e os 4.500 euros restantes a finais de ano, cando presente a documentación xustificativa dos gastos.
A cambio, o San Sadurniño comprométese a xestionar as escolas deportivas de fútbol durante 10 meses e a manter en bo estado tanto o terreo de xogo como as instalacións dos dous campos que ten cedidos, o de Corrás e o de Santa Mariña.
Esta cesión recolle unicamente os labores de conservación diarios, como pode ser a sega dos campos, mentres que aqueles investimentos e reparacións máis custosos serán asumidos polo Concello como propietario das instalacións. De feito, o Concello inviste arredor de 4.000 euros todos os veráns en preparar os terreos de xogo para a seguinte temporada e é tamén o Concello quen asume o custe da electricidade.
Ademais, no convenio suscrito este luns tampouco se conta a colaboración municipal co torneo de fútbol 8 que se celebra en xuño e para o que o organismo local cede durante a fin de semana todas as instalacións de Corrás, incluída a piscina, e agasallos para os nenos e nenas participantes.
O C.F. San Sadurniño ten nestes momentos sete equipos participando nas distintas categorías por idades da comarca, que suman máis dun cento de nenos e nenas. Ademais, ten equipo feminino disputando a liga comarcal de fútbol 8 entre os cinco primeiros postos e, por último, equipo masculino absoluto na cabeza do grupo quinto da terceira autonómica.
40 anos do Narahío
Por outra banda -aínda que seguindo co fútbol-, o sábado pasado a Unión Deportiva Narahío celebrou o seu 40º aniversario no complexo deportivo da Veiga. O clube organizou un xantar ao que acudiron xogadores de todas as aliñacións que tivo ao longo da súa historia, así como familiares, colaboradores e veciños da parroquia.
A convocatoria resultou un éxito, xa que se reuniron preto de 400 persoas. Sentadas ao redor da mesa pasaron grande parte da tarde lembrando anécdotas sobre as competicións e sobre as vicisitudes polas que a UDC debeu pasar para conseguir as instalacións actuais.
Parte desas lebranzas narráronas os propios protagonistas desde o escenario. Expresidentes, como Julio Santos, Secundino García ou Manuel Ángel Vigo recordaron tempos de grande esforzo para manter o equipo, mentres que antigos futbolistas como o empresario Fernando Lamas ou o médico Manuel Soto louvaron o apoio que a afección local sempre lle brindou aos seus xogadores.
O aniversario da UDC rematou ben entrada a madrugada coa música da Charleston Big Band, unha das orquestras galegas con máis tirón do momento.











