Soutomaior finaliza as tarefas de acondicionamento e humanización no peirao de Arcade
A colocación das últimas xardineiras, despois da “Festa da Ostra” do pasado fin de semana, supuxo a continuación dos traballos de acondicionamento e humanización na nova rotonda , no porto en Arcade. Unha obra que chega ao seu final esta semana co repintado da sinalización horizontal que regula case un centenar de prazas de aparcadoiro e que pretenden achegar maior comodidade aos veciños e usuarios da praia ademais dunha mellora estética pola introdución de novos elementos ornamentais.
Con esta obra o Concello de Soutomaior continúa no seu propósito de mellorar a habitabilidade e imaxe dunha das principais zonas de Arcade. Un enclave que serve de escenario para festividades e actividades de todo tipo e que tras a limpeza das praias xa se atopa totalmente preparada para a chegada da tempada estival. Os labores de mellora centráronse na renovación da capa de rodaxe de aglomerado asfáltico ao redor da rotonda ademais da introdución de elementos ornamentais, como novas árbores, o plantado do céspede ou as xardineiras instaladas a poucos metros.Nas últimas xornadas, os traballos céntranse na delimitación de case un centenar de prazas de aparcadoiro, case unha vintena máis das dispoñibles anteriormente grazas á reforma da vía circular.
Uns traballos en dúas fases
A realización destes traballos de mellora realizáronse en dúas fases para non interferir na celebración da XXVIII Festa da Ostra. De feito, algunhas destes labores, como o novo asfaltado ou a reforma da rotonda, xa se atopaban finalizadas hai unha semana, pero esta festividade motivou a decisión de pospor a instalación das últimas xardineiras para maior comodidade de todos os asistentes. “Os traballos na rotonda xa estaban terminados pero consideramos que sería máis cómodo para todos esperar a que pasase a festa para instalar as novas xardineiras. O ideal, cando máis de 35.000 persoas reúnense nun mesmo sitio, é contar con espazos o máis abertos posibles”, afirmo o edil de Vías e Obras, Jesús Vidal.
Do mesmo xeito, para comodidade dos veciños da zona, estes traballos están coordinados coas actuacións municipais de mellora na sinalización vertical e horizontal das estradas que se están levando a cabo na adxacente Rúa do Peirao.











