Sevilla acolle o set itinerante da campaña de turismo ‘Galicia de cine’
O set de Galicia de cine é unha acción especial que forma parte da nova campaña de Turismo de Galicia para este 2014. Consiste nunha plataforma itinerante que se instalou hoxe na praza da Encarnación en Sevilla, a onde chega tras a xornada celebrada a semana pasada en Madrid, na que máis de 300 persoas fixeron as súas achegas con vídeos sobre os seus recursos e produtos turísticos galegos favoritos.
A acción promocional de ‘street marketing’ trasládase o luns a Barcelona, á praza da Universitat e o día 11 á praza do Obradoiro de Santiago de Compostela para recompilar os testemuños dos cidadáns que queiran participar falando sobre as súas motivacións e reclamos para visitar Galicia. Trátase dunha acción que pretende fomentar a interactividade dos viaxeiros co destino.
O set itinerante da rodaxe está formado por dous escenarios: un deles recollerá os motivos polos que os viaxeiros deciden vir a Galicia a través dunha gravación persoal. E o outro escenario, enmarcado dentro da promoción A persoa que máis recomenda Galicia no mundo, ten por obxectivo gravar a aqueles que xa coñecen Galicia e que a recomendan aos seus para compartir a súa experiencia. Estes vídeos poderán ser subidos á rede para participar na promoción en liña ata o día 15 de maio.
Entre todos os participantes que se acheguen a aportar testemuñas sortearanse viaxes por Galicia, e todos formarán parte do casting no que se elixirá aos protagonistas da próxima campaña de Turismo de Galicia.
Campaña 2014
A campaña 2014 de Turismo de Galicia, Galicia, el buen camino, ten un novo eslógan: ‘Á xente que quero, recoméndolle Galicia’/’Si te han recomendado Galicia, es que te quieren’. A mensaxe incide na capacidade dos viaxeiros e dos propios galegos para seren prescritores de opinión do destino. Ao tempo, resalta a condición de multiexperiencial do Galicia como destino turístico e aqueles elementos diferenciais que conforman os principais atractivos da comunidade.
A etiqueta #Galiciaelbuencamino será a utilizada para as comunicacións en liña e as recomendacións dos fans de Galicia teñen por obxectivo buscar protagonistas para as seguintes fases da campaña. Estas e outros testemuños recollidas na internet poderán verse no sitio galicia.es. Alí tamén se articulará a acción promocional ‘Sé a persoa que máis recomenda Galicia do mundo’. Quen o desexe poderá deixar a súa mensaxe lembrando Galicia nesta web así como nas súas redes sociais.
Ao tempo, as contas nas redes sociais de Turismo de Galicia apoiarán e monitorizarán todas as accións da campaña nas redes.
Accións promocionais do destino Galicia esta fin de semana en Barcelona e Portugal
A oferta turística galega presentarase esta fin de semana en Portugal, dentro da feira Mundo Abreu, un certame turístico organizado en Lisboa polo operador turístico Viaxes Abreu no que participan os axentes da compañía e varios destinos turísticos convidados, entre eles Galicia.
Viaxes Abreu é o principal operador turístico de Portugal e cada ano organiza unha feira para presentar as novidades da propia compañía no ámbito das viaxes turísticas e algúns destinos destinos turísticos teñen a posibilidade de presentar a súa oferta ao público que asiste a este certame. Está previsto que esta fin de semana asistan máis de 130.000 persoas, moitas das cales mercan as súas vacacións atraídas polas ofertas e descontos que se ofrecen no certame.
Galicia estará presente cun recinto aberto ao público a través do que se difundirá a oferta turística galega facendo fincapé nas posibilidades para Semana Santa e o verán.
Por outra parte tamén durante esta fin de semana Turismo de Galicia participará na XXIII edición do Salón Internacional de Turismo de Cataluña (SITC) que se celebra no recinto da Fira de Barcelona.
O SITC é unha das plataformas turísticas máis importantes da oferta e os servizos turísticos no ámbito nacional e un importante reforzo para a promoción do turismo galego en Cataluña por ser un dos principais mercados para Galicia dentro de España.











