Servizos Sociais de Vilagarcía destinou 425.612 euros para prestar axuda no fogar a 73 usuarios
Os Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía destinaron en 2013 case medio millón de euros (425.612) para financiar o programa de Axuda no Fogar do que se beneficiaron un total de 73 persoas do municipio que se atopan en situación de dependencia valorada ou que teñen a autonomía persoal limitada, especialmente as que carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato. A través deste servizo prestáronse un total de 29.916 horas de atencións domiciliarias realizadas por técnicos auxiliares de axuda a domicilio da empresa concesionaria do servizo, Clece.
O Servizo de Axuda no Fogar é un dos programas máis importantes que ofrecen os Servizos Sociais municipais dirixidos por Elena Suárez Sarmiento. O seu obxectivo é prestar, desde unha perspectiva integral e normalizadora, un conxunto de atencións domiciliarias a persoas que teñan limitada a súa autonomía persoal co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos usuarios, posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual favorecendo e potenciando a autonomía persoal no seu propio domicilio,como manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social, previr situacións de dependencia ou exclusión social e retardar ou evitar a institucionalización das persoas.
Tipos de atencións
Para acadar os obxectivos que o fundamentan, o SAF comprende diferentes tipos de tarefas que se prestan en función das necesidades concretas de cada caso en particular. Así, realízanse atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas, como asistencia para levantarse e deitarse, apoio a hixiene persoal, control do réxime alimentario e, se é preciso, axuda para alimentarse, supervisión das rutinas de administración de medicamentos ou apio para cambios posturais e mobilizacións a persoas encamadas. Tamén se prestan atencións na realización de actividades da vida cotiá como acompañamento fóra do fogar para acudir ó médico ou tratamentos e apoio na realización de xestión necesarias e urxentes.
Nun segundo apartado se enmarcan as atencións das necesidades de carácter doméstico que moitas persoas están incapacitadas para realizar por elas mesmas, como a limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda, compra de alimentos e outros produtos de uso común xa sexa acompañando ó usuario o realizándoo o propio auxiliar, preparación de alimentos e coidados básicos da vivenda.
Lei de Dependencia ou Libre concorrencia
O SAF ofrécese baixo dúas modalidades: unha para persoas en situación de dependencia valorada segundo a Lei de Dependencia; e o SAF Municipal, de acceso por libre concorrencia para aqueles casos que non entren no primeiro apartado pero que, segundo os informes dos Servizos Sociais Municipais, precisen desta prestación.
A través da modalidade de Dependencia, o SAF de Vilagarcía contou en 2013 con 54 usuarios. Nesta modalidade é a Xunta de Galicia e quen establece a número de horas a prestar ao usuario en función do nivel de dependencia que valora a propia administración autonómica e das necesidades particulares de cada caso. O número de horas prestadas neste apartado ascendeu a 25.551 das cales a maioría realizáronse en horario ordinario de luns a venres, mentres que 2.980 horas corresponderon a atencións a domicilio en horario extraordinario realizado en domingos ou festivos.
O SAF de Dependencia supuxo un custe de 343.673 euros, dos cales a Xunta de Galicia aportou 232.576 e o Concello 80.792 euros. Os 30.305 euros restantes corresponderon á parte financiada polos propios usuarios cuxas cotas se fixan en función á renda e situación socio económica dos mesmos. O prezo medio da hora situouse nos 13,45 euros.
O SAF de Libre Concorrencia, o que xestiona directamente o Concello a través dos seus Servizos Sociais, contou o ano pasado con 19 usuarios que se repartiron en función das necesidades de cada caso un total de 4.366 horas de axuda domiciliaria. O presuposto do SAF por libre concorrencia acadou os 82.000 euros, dos que o Concello financiou a meirande parte cunha achega de 68.861 euros. O resto do custe financiouse cunha axuda da Xunta por importe de 8.000 euros e cos 5.000 euros que se ingresaron por cotas dos usuarios, tamén fixadas en función da situación socioeconómica dos beneficiarios. Aínda que a suma varía en cada caso, o prezo medio da hora de atención a domicilio foi de 15 euros.











