Seis das mellores voces da lírica galega e internacinal protagonizan ‘Poetas Di(n)versos’
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada pola directora de Poetas Di(n)versos, Yolanda Castaño, presentou esta mañá a a programación do último trimestre do ciclo, “no que participarán seis novos poetas que constitúen algunhas das mellores voces da lírica galega e internacional”, explicou a concelleira, quen lembrou que desde a súa terceira edición -agora atópase na quinta-, a iniciativa adquiriu carácter internacional e escolleu como residencia estable o centro Ágora.
Así, durante os meses de marzo, abril e maio, celebraranse tres citas abertas e gratuítas cun poeta galego fronte a outro estranxeiro ou doutra comunidade española.
O primeiro recital terá lugar o vindeiro luns, 14 de abril, ás 20.30 horas. “Nesta ocasión, visitaranos a malagueña María Eloy – García que compartirá escenario coa viguesa Iolanda Zúñiga”, anunciou Fernández e engadiu: “Galego e castelán soarán nunha cita poética que se promete desafiante e lonxe de toda solemnidade literaria. Dúas mulleres que viven o verso lonxe do clasicismo e a excesiva seriedade”.
Pola súa banda, a directora do ciclo, Yolanda Castaño, avanzou que no mes de maio, concretamente o día 19, “citaranse sobre as táboas da Ágora versos fráxiles e delicados en galego e mandarín. A chinesa Ming Dei fará parella cun poeta de culto en Galicia: Alfonso Pexegueiro. O escritor de Ponteareas constitúe unha voz de enorme e exquisita calidade literaria pero moi pouco pródiga a aparicións públicas, polo que esta cita será unha gran oportunidade de gozar da súa poesía”, explicou.
Os encargados de pechar o ciclo o 9 de xuño, antes do parón estival, serán o coruñés Premio Nacional de Poesía, Manuel Álvarez Torneiro, e o estadounidense Gerald Stern, dous poetas veteranos e consagrados.
O ciclo, dirixido e conducido por Yolanda Castaño, manterá ademais o seu compromiso coas librarías da zona convidando a que, cada vez unha, ofreza aos participantes a posibilidade de adquirir os títulos dos invitados.
Todas as sesións terán unha duración aproximada dunha hora e contarase con tradución dos poemas estranxeiros ao galego, “nunha formidable maneira de gozar, en vivo e en directo, da forza expresiva da palabra na voz dos seus propios autores”, concluíu Fernández.
Inaugurado a comezos do pasado mes de outubro, Poetas Di(n)versos xa acolleu autores de Malta, Israel, Cuba ou Finlandia.











