Santiago presenta a proba do Campionato de España e do Campionato Galego de Enduro

Lete Lasa na presentación da proba de Enduro. Foto: X. Crespo

Lete Lasa na presentación da proba de Enduro. Foto: X. Crespo

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da proba do Campionato de España e do Campionato Galego de Enduro que se celebrará en Santiago do 25 ao 27 de abril.

No transcurso do acto, celebrado no Concello, Lete Lasa felicitou ao Motor Club Móvete na Moto, de Lalín, e ás federacións galega e española de Motociclismo, polo seu traballo para facer posible que por segundo ano consecutivo Santiago acolla unha proba puntuable dos Campionatos galego e español de Enduro.

O secretario xeral manifestou a súa satisfacción porque Santiago se converta unha vez máis en centro de interese do deporte nacional, nesta ocasión a través do motociclismo, “un deporte que require de gran habilidade e destreza, de control de tempos e velocidade sobre a moto, o que lle confire unha alta dose de espectacularidade”.

“Por iso, é una honra que Galicia sexa unha das cinco autonomías que este ano acollen as seis probas do campionato español”, engadiu, “tanto polo o seu interese competitivo como polo seu atractivo social, o que fará que moi probablemente Santiago se converta neses días nun fervedoiro de afeccionados a esta modalidade”.

Na presentación participaron así mesmo o concelleiro de Deportes de Santiago, Adrián Varela, o presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Bernárdez, o delegado da Real Federación Motociclista Española, Josep Alonso, o presidente do club organizador, M.C. Móvete na Moto, José Canda, e pilotos destacados do Campionato de España.

Lete Lasa rematou a súa intervención desexando que o bo traballo da federación e dos clubs galegos permita seguir espertando novas figuras de elite no motociclismo da Comunidade, e acadando metas tan altas como as dos deportistas Jorge Prado (motocross) o segundo campión do mundo da historia do motocross español e o campión do mundo máis novo da historia -en 2011, con 10 anos-, e Jorge Casales (trial), campión do mundo júnior en 2013, que conquistou o primeiro gran título internacional para o trial galego.

A proba de Santiago é a terceira –logo das citas de Almería e Lleida- das seis que conforman o Campionato de España Enduro para as categorías Enduro 1, Enduro 2, Enduro 3, Júnior Open e Júnior 125cc., e a segunda para as categorías Júnior Trofeo, Sénior, Máster e Féminas. Ademais, está incluída no calendario do Campionato Galego, que consta igualmente de seis probas, sendo a de Santiago a primeira que se celebra. Nela está prevista a participación de seis deportistas galegos, do total dos 134 inscritos.

O parque pechado e os equipos estarán situados nas inmediacións do estadio de San Lázaro. O venres ás 19:45 horas realizarase a presentación da proba “Cidade de Compostela-V Memorial Eulo Alber” na praza do Obradoiro. A saída da primeira xornada, o sábado 26, será ás 9:00 horas desde a mesma praza. A competición contará con 3 especiais cronometradas: unha especial extrema no estadio de San Lázaro, e as especiais C1 “Xacobeo” e C2 “San”, ambas as dúas no monte do Gozo. Na segunda xornada, o domingo 27, a saída será as 9:00 horas desde o estadio de San Lázaro.

24 de abril de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.