San Sadurniño solicítalle á Xunta unha segunda liña de educación primaria para o colexio
O CPI de San Sadurniño non dispón de prazas suficientes para o primeiro curso de educación primaria. De cara ao próximo curso a ratio de 25 alumnos por clase cubrirase coas nenas e nenos que agora están no último ciclo de infantil. Porén, ademais dos cativos xa escolarizados en San Sadurniño, o ano que vén tamén haberá que buscarlle acomodo a outros cinco provenientes do centro rural agrupado de Pedroso. A ANPA e o Concello alertan da falla de prazas e por iso instan á Xunta a que se cree unha nova liña en primaria que desconxestione o ciclo e que lles garanta aos nenos de Pedroso poder estudar preto da casa.
A Consellería de Educación aínda non se pronunciou ao respecto xa que aínda faltan dúas semanas para que se publiquen as listas provisionais de admisión e o prazo da matrícula non abrirá ata xuño. No entanto pais, nais e a administración local queren que a Consellaría teña constancia da situación con tempo de adianto suficiente e por iso lle remitiron un escrito expoñendo un problema ao que haberá que darlle solución en breve.
As cousas están así. O ano que vén sairán do CRA de Pedroso cinco nenos e nenas que deberán empezar o ensino obrigatorio en 1º de Primaria no CPI de San Sadurniño, o centro de referencia tanto para eles como para o alumnado de Doso e da zona da Cobeluda. As prazas non chegan para toda a demanda e só hai dúas solucións posibles: enviar os cativos a outro centro escolar de Narón ou -o que solicitan a ANPA e Concello- que se cree unha segunda liña de primaria en San Sadurniño.
Para defender a segunda posibilidade o Concello envioulle á Consellaría de Educación un escrito coas demandas das familias afectadas -canalizadas a través da ANPA- no que se debullan argumentos en favor do desdobramento. Así, o primeiro deles alude á proximidade xeográfica entre o centro educativo e os lugares en que viven os cativos. O escrito tamén se refire ao feito de que o transporte escolar xa pasa por Pedroso, polo que non sería necesario modificar ningún percorrido. Ademais, na solicitude remitida á Xunta tamén se lembra que algúns dos nenos xa teñen irmáns maiores estudando en San Sadurniño e que separalos en distintos colexios “causaría un grave prexuízo ás familias e mesmo unha situación de discriminación en relación ao resto de nenas e nenos da mesma parroquia que si acoden a San Sadurniño”.
“Para o Concello o inmediato é deixar solventada unha situación na que se poden ver en breve cinco familias. Porén o problema ten un trasfondo demográfico e de compromiso co desenvolvemento rural”, asegura o alcalde de San Sadurniño. “Estamos vivindo un repunte das matrículas en infantil e, ademais, cómpre mirar a medio e longo prazo as perspectivas da natalidade, que no caso de San Sadurniño son moi favorables. A Xunta ten que analizar a realidade e adaptar o CPI ás necesidades de escolarización dos próximos anos para non ter que andar constantemente con solicitudes deste tipo. É unha cuestión de dereitos básicos, xa que todos os nenos e nenas teñen dereito a unha educación de calidade preto da casa, pero tamén responde ás liñas estratéxicas que a propia Xunta plasmou no Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, Horizonte 2020”, explicou García.











