San Sadurniño quenta motores para a Feira da plantación que contará con xornadas de apicultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este xoves  24 de abril celebrarase en San Sadurniño unha xornada dedicada a explorar e coñecer cales son algunhas das posibilidades de desenvolvemento que existen no noso agro. Por unha banda a Asociación Galega de Apicultura falará sobre a situación deste tipo de gandaría, incluíndo un relatorio sobre o risco da avespa asiática, e pola outra a cooperativa A Xoaniña fará unha presentación dedicada á horta e o consumo ecolóxicos.

Para tratar o tema da apicultura a AGA Ferrolterra desenvolverá entre as 17 e as 19 horas unha charla co título “Importancia das abellas, e os riscos para o medio ambiente que conleva a Vespa velutina”. Esta charla pretende dar a coñecer a importancia que teñen as abellas nos sistemas agrarios, así como as súas potencialidades como nicho de negocio. A conferencia tamén está enmarcada na campaña informativa sobre os riscos que pode causar a vespa velutina, tamén coñecida como Avespa asiática, que desenvolven a AGA e os concellos de San Sadurniño e Narón.

Na segunda parte da xornada -das 19 ás 21 horas-, a cooperativa de consumo A Xoaniña impartirá a charla titulada “Producir e consumir. Horta viable”. O obxectivo da charla é a promoción de iniciativas locais no sector primario, e especialmente no ámbito da horticultura ecolóxica. Ademais tratarase tamén a vertente do consumo de produtos ecolóxicos, locais, de calidade e asequibles.

A xornada sobre as potencialidades do agro organizada polo Concello de San Sadurniño celebrarase no salón de sesións do Concello. Os relatores serán o representante da AGA Ferrolterra, Rafael Díaz; o xerente da Xoaniña, Xan Martínez e o enxeñeiro agrícola Antonio Ortega. A actividade forma parte da programación da Feira da Plantación que se celebra o próximo domingo e para a que hai inscritos 35 expositores. 

Ciencia escolar

O CPI de San Sadurniño adicará este xoves  á mostra de distintos obradoiros científicos froito do traballo do alumnado ó longo deste curso e relacionados case por completo co ambiente. Na mostra participarán nenos e nenas de infantil con sinxelos experimentos e tamén mozos e mozas da ESO con experiencias máis complexas. Entre elas a obtención de biodiésel a partir de aceite reciclado ou o obradoiro de creación e programación de autómatas, que resultou premiado por Igaciencia e a Fundación Barrié no primeiro concurso galego de robótica. 

A mostra dos obradoiros da ciencia continuará o vindeiro domingo 27 de Abril, cunha xornada de portas abertas na que o alumnado lle ensinará os seus proxectos ao público da Feira da plantación. Será no patio cuberto do colexio, a escasos metros da zona feiral, entre as 11.30 e as 13.30 horas.

23 de abril de 2014 | 20:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.