San Sadurniño prepara varios obradoiros infantís para as vacacións de Semana Santa
Quedan pouco máis de dez días para que os nenos e nenas veñan para a casa de vacacións. Será só unha semana de descanso que poderán encher dun xeito diferente cos obradoiros organizados polo Concello para os días en que os maiores estean traballando. Trátase dun programa lúdico e educativo que ten xa aberto o prazo de inscrición e que vai destinado á cativería de entre 4 e 12 anos.
O departamento de Educación e Igualdade preparou tres talleres a medio camiño entre o xogo e a aprendizaxe que terán lugar na Casa da Cultura e cun horario comprendido entre as 10 e as 13 h.
O primeiro obradoiro desenvolverase o luns 14 de abril e estará ocupado pola reciclaxe creativa. Nel a xente miúda aprenderá a construír xogos de mesa, bixutería, figuras de animais e outros xoguetes que se empregarán no obradoiro de xogos tradicionais programado para o mércores 16. Entrambos días -o martes 15- a sesión dedicarase a actividades cooperativas nas que se promoverán valores como o da colaboración e a igualdade.
As tres xornadas buscan favorecer a autonomía, a igualdade, a creatividade, o xogo en equipo e a diversión. Ademais, da programación tamén se benefician indirectamente as familias -especialmente aquelas nas que os maiores traballan- xa que lles facilita un recurso de conciliación durante o periodo de vacacións.
Para participar en todas as actividades ou nalgunha delas haberá que presentar no Concello a solicitude debidamente cuberta antes do xoves 10 de abril. Os obradoiros son gratuítos e existe un tope de 20 prazas por día, que se cubrirán por orde de inscrición e con prioridade para as nenas e nenos empadroados en San Sadurniño.











