San Sadurniño inicia o prazo para inscribirse na XIX Feira da plantación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O próximo 27 de abril San Sadurniño acollerá a XIX edición da Feira da plantación coa que se busca promocionar a produción e a comercialización agrícola da zona xunto coas posibilidades de desenvolvemento sustentable do medio rural. O evento está organizado polos departamentos de Medio Ambiente, Cultura e Turismo. Na feira daranse cita viveiros de planta e árbores, florerías, produtores de horta e firmas de maquinaria, ademais de postos de alimentación e un expositor institucional que promocionará San Sadurniño a través da súa riqueza ambiental e turística. O prazo para inscribirse remata o 22 de abril.

Este será o segundo ano en que o Concello organizará a feira impulsada hai dúas décadas pola asociación Bidueiro. O evento desenvolverase ao pé do colexio público de San Sadurniño, onde se instalará unha carpa de 2000 metros cadrados para acomodar os expositores inscritos. Entre eles haberá produtores, comercializadores, cooperativas e outras organizacións relacionadas co medio rural.

A feira iniciarase pola mañá e estará aberta ata ben entrada a tarde e nela haberá á venda produtos de todo tipo relacionados co cultivo da terra. A organización dispuxo tamén un posto para xantar e mesmo se programaron dous sorteos de produtos doados polos expositores, un ás 12.00 e outro ás 17.00h. Ademais, todas as persoas asistentes levarán unha planta de recordo completamente de balde.

O Concello confía en que o encontro sexa de novo un éxito de público no que, ademais, as firmas expositoras alcancen unha boa cifra de negocio. Na última edición reuníronse en San Sadurniño máis dunha trintena de postos e pola feira pasaron arredor de 4.000 persoas.

Inscricións

O prazo de inscrición na XIX Feira da plantación está aberto ata o 22 de abril ás 14.00h. Para apuntarse nela haberá que cubrir a solicitude e presentala no rexistro municipal, enviala por correo postal ao Concello -avenida Marqués de Figueroa, 5, c.p. 15560- ou ben a través do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es.

Cómpre reseñar que, a diferenza do Mercado local xusto, esta feira non está aberta aos postos de segunda man nin tampouco aos de artesanía, agás aqueles relacionados co cultivo da terra ou co mundo vexetal como, por exemplo, a artesanía floral, a talla da madeira, os tecidos de liño, e calquera outro produto semellante.

A lista definitiva de postos admitidos publicarase o 24 de abril. Para máis información ou para solventar calquera dúbida hai dous teléfonos: a centraliña do Concello, 981 490 027 (premer opción 1) ou o móbil 616 332 919.

8 de abril de 2014 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.