San Sadurniño e Narón convocan os concellos da comarca para tratar alternativas a SOGAMA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarónSan Sadurniño
A-
A+

A alcaldía do Concello de Narón acollerá este martes unha xuntanza á que están convidados os alcaldes e alcaldesas de toda a volta. O obxectivo da reunión é sentar arredor da mesa para empezar a buscar un modelo de tratamento do lixo distinto de SOGAMA. Un modelo considerado por San Sadurniño e Narón como “anticuado, que non cumpre coas directrices da Unión Europea e ademais, caro”.

A xuntanza está convocada para as 11 da mañá e tralo seu remate Secundino García e José Manuel Blanco ofrecerán unha rolda de prensa para explicar os acordos alcanzados. A convocatoria asinada polos dous alcaldes é a continuación da xornada de debate arredor do tratamento do lixo celebrada en marzo.

Detrás da iniciativa municipal encóntrase o recente incremento nun 34% do canon que os concellos lle pagan a SOGAMA por procesar os residuos e no feito de que a maior parte do tratamento se fai soterrando ou queimando o lixo.

Narón e de San Sadurniño coidan por esta razón que “é preciso debater sobre a xestión do lixo, e mesmo analizar e explorar as posibilidades existentes neste ámbito, de cara a buscar, se é posible, métodos de xestión máis respectosos co medio ambiente, máis eficientes economicamente, e mesmo xeradores de riqueza e emprego.”, tal e como se explica na carta co aviso da reunión enviada aos municipios da comarca.

21 de abril de 2014 | 20:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.