San Sadurniño e a Deputación da Coruña asinan o convenio para o acondicionamento da escola infantil
Secundino García e Diego Calvo rubricaron esta mañá no Pazo da Marquesa o compromiso provincial de achegar 85.000 euros para as obras da escola infantil que San Sadurniño quere poñer en marcha xa para o curso que vén. O proxecto está cifrado en case 110.000 euros. Deles a Deputación porá 85.000 mentres que os outros 25.000 correrán por conta do municipio.
A sinatura do convenio dalle vía libre ao proceso de contratación das obras, que se iniciará nos próximos días. O Concello agarda que o centro educativo bote a andar antes do remate do ano e por iso quere comezar xa cos traballos, que se centrarán en redistribuír e acondicionar o espazo dispoñible trala rehabilitación do edificio anexo.
A escola terá unha superficie útil próxima aos 200 metros cadrados dividida en tres grandes aulas -unha para os bebés de 0 a 1 ano, outra para os cativiños de 1 a 2 e unha terceira para os nenos e nenas de 2 a 3 anos- e con espazos de servizo e para o profesorado. Os planos tamén recollen un patio exterior de xogos duns 250 metros cadrados comunicado coa zona de aprendizaxe e lindeiro cos xardíns do pazo.
O Concello leva desde 2008 co proxecto a voltas. Daquela a Xunta comprometérase a construír en San Sadurniño unha escola infantil. Un compromiso que en palabras de Secundino García “a Xunta incumpriu” e que obrigou ao municipio a buscar “outras vías de finanzamento”. Hai escasos meses o goberno local e o provincial alcanzaron un preacordo -ratificado agora co convenio- para levar adiante “unha nova infraestrutura que o Concello considera unha necesidade e que lle dará servizo a San Sadurniño e incluso aos concellos limítrofes”, tal e como explicou Diego Calvo.
Para o goberno municipal, a escola infantil é un recurso de conciliación especialmente necesario en tempos de crise, xa que pode “facilitar ás familias o acceso ao mercado laboral”, apunta Secundino García. Trala negativa do Consorcio de Igualdade a facerse cargo da escola no curso 2014/15, García indicou que o Concello optará por un modelo externalizado, habida conta de que “a lei non permite contratar persoal para xestionala directamente”.
O convenio para as obras de acondicionamento da futura gardaría municipal asinouse ao mediodía deste venres nas oficinas da alcaldía do Pazo da Marquesa. Ao acto protocolario acudiron membros do equipo de goberno e tamén os portavoces dos grupos da oposición, opopular Plácido López e o representante socialista Fernando Márquez.











