San Sadurniño contará con dúas novas liñas en infantil e primaria o curso que vén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A inspección educativa da Xunta comunicou este venres que, finalmente, van crearse en San Sadurniño dúas novas liñas en infantil e primaria que axuden a desconxestionar as aulas. A noticia supón ademais que os cinco alumnos e alumnas do CRA de Pedroso terán garantizada unha praza no CPI.

A web do colexio publicou esta mañá que os servizos de inspección educativa lle comunicaran á dirección do centro a posta en marcha dunha liña nova en Infantil de 3 anos e outra en 1º de Primaria, á que os nenos e nenas acceden a partir dos 6 anos. 

Hai tan só uns días, ANPA e Concello sumábanse ás demandas dun grupo de pais e nais de Pedroso reclamando máis prazas para educación primaria, ante a posibilidade de que cinco nenos e nenas do centro agrupado desa parroquia quedasen sen pupitre en San Sadurniño o curso que vén. 

Unha demanda que contou co informe favorable da inspección da zona e que tivo resposta co desdobramento do primeiro curso de primaria e tamén do de educación infantil. Deste xeito, de cara ao curso 2014-2015 o CPI de San Sadurniño admitirá todo o alumnado que solicitou praza. As listaxes publicaranse a partir do 25 de abril pero, en todo caso, os pais e nais poden respirar con tranquilidade.

11 de abril de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.