San Sadurniño celebra plenocon cinco puntos, a maioría deles de trámite

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A menos que haxa cambios, o calendario de plenos municipais fixa as sesións ordinarias para o primeiro sábado dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro. Polo tanto, este sábado toca pleno. A orde do día vai moi lixeira: só hai cinco puntos e polo menos tres deles son de trámite. O debate político limitarase, seguramente, á moción que presentará o BNG pola vía ordinaria referida á modificación do mapa de xulgados e, sobre todo, ao apartado de rogos e preguntas.

O pleno arrancará ás 11.30h coa aprobación da acta da sesión anterior. Será xusto antes de que a corporación tome en coñecemento o estado de tramitación das facturas correspondentes ao primeiro trimestre do ano. Segundo o departamento de Facenda, San Sadurniño cumpre coa normativa estatal contra a morosidade das administracións públicas xa que a maior parte das facturas con empresas provedoras se pagan nun prazo inferior aos 30 días.

O terceiro punto da orde do día centrarase na ratificación e toma de razón de acordos adoptados desde o último pleno. Un novo punto que adoita ser de trámite e que lle dará paso aos apartados con maior contido político. É o caso da moción presentada polo BNG dentro do prazo ordinario referida ao anteproxecto de lei orgánica do poder xudicial impulsado polo goberno estatal. Segundo os nacionalistas a lei provocará un “afastamento” da xustiza ao eliminar partidos xudiciais e, en consecuencia, reducir o actual mapa de xulgados. O Bloque solicita que se retire o anteproxecto de lei e que se lle transfira a Galicia a competencia para delimitar a súa planta xudicial e garantir así o mantemento de partidos xudiciais nas cidades e nos municipios cabeceira de comarca. 

A moción tamén insta ao goberno galego a que se opoña á centralización provincial da xustiza e a que impulse unha comisión de traballo na procura dun modelo xudicial adaptado á realidade galega.

O último apartado do pleno é o referido aos rogos e preguntas. Nel é onde se adoita producir un debate máis intenso, xa que é na recta final do pleno onde a oposición formula cuestións ao respecto do labor e das decisións do equipo de goberno.

29 de abril de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.