San Sadurniño acollerá a primeira parada familiar de Xogos Tradicionais
O pano, o peón, a goma, o brilé, pase misí… son algúns dos xogos de toda a vida. Son os xogos máis baratos, nos que fas máis exercicio e, quizáis o máis importante, sempre son necesarias varias persoas para compartir a experiencia. Os pasatempos de antano volven estar de moda porque nunca pasan de moda e porque sempre hai alguén que nolos recorda. O colexio público de San Sadurniño, a ANPA e o Concello organizan para este sábado unha actividade na que se fará precisamente iso, darlle un repaso en familia a todos os xogos tradicionais.
O obxectivo desta 1ª Parada familiar de Xogos tradicionais é promocionar as brincadeiras de sempre como unha forma de recuperar e conservar a cultura popular e inmaterial. Os xogos comezarán o sábado ás 16.30 h no arboreto de especies autóctonas que hai ao pé do río Xubia -no lugar da Cortiña- e prolongaranse ata as 19.30.
Hai preparadas 18 actividades distintas nas que poden participar nenas, nenos e persoas adultas. Algunhas delas son a mariola, o pano, os tres pés, pase misí, as bólas, o aro, a corda, as catro esquinas e mesmo se organizou un obradoiro de construción de zoadeiras.
A participación nesta xornada lúdica é gratuíta e só haberá que apuntarse cubrindo unha sinxela ficha de inscrición que cumprirá entregar no colexio público ou ben o mesmo día da Parada. Ademais, desde a organización informan que durante a tarde se sortearán camisetas entre todas as persoas inscritas. Sobra dicir que non fará falla levar PSPs, Nintendos nin móbiles co Candy Crush para pasar unha tarde entretida.











