Rogelio Martínez visita a XIII Expociencia dedicada ao mundo da auga

Rogelio Martínez en Expociencia
A Expociencia organizada polo colexio ourensán “Guillelme Brown” chega a súa 13ª edición co obxectivo, un ano máis, de incentivar a investigación científica e divulgar os traballos de investigación que os alumnos e alumnas de Educación Primaria e Secundaria deste centro educativo realizan ao longo do curso. O mundo da auga é o protagonista desta edición de Expociencia.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, participou no acto de inauguración da exposición das investigacións realizadas polo alumnado deste colexio e coñeceu de preto os traballos que estudan desde como construír un arco da vella con pilas , o efecto da cafeína no crecemento das plantas, os motivos de que floten as laranxas ata a elaboración de prototipos de plástico biodegradable utilizando como materia prima leite de orixe animal.
Martínez felicitou aos organizadores pola convocatoria desta exposición e animou a todos os participantes a avanzar na súa faceta científica e innovadora e resaltou a necesidade de que as novas xeracións se mentalicen da importancia da investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I), “sobre todo da investigación aplicada, na vida cotiá”.
De entre todos os traballos presentados nesta exposición científica, aqueles que sobresaen son presentados e defendidos polos propios alumnos e alumnas en foros nacionais e internacionais. A próxima cita onde serán expostos será o certame de carácter internacional “Exporecerca Jove” que se desenvolverá en Barcelona os vindeiros días 10,11 e 12 de abril.











