Ribadumia premiará ós tres mellores deseños das camisetas da XLII Festa do Viño Tinto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

A programación da XLII Festa do Viño Tinto do Salnés volverá a incluír o concurso de camisetas, a través do que se premia os tres mellores deseños. Repartiranse 350 euros entre os tres mellores deseños, nos que se valorará tanto a orixinalidade do debuxo coma da mensaxe. O primeiro premio é de 200 euros; o segundo, 100 euros; e o terceiro, 50 euros. Para participar, cada peña deberá presentar a súa camiseta na Casa do Concello ata o venres 30 de maio. O nome dos gañadores darase a coñecer o domingo 8 de xuño, as 19:30 horas na Praza do Concello.

Coa presentación da camiseta, deberase entregar nun sobre pechado os seguintes datos: nome da peña, nome dos seus integrantes, teléfono de contacto e lema da camiseta. As peñas deberán estar compostas por un mínimo de cinco membros e poderase presentar como máximo un deseño.

Stands na festa

O Concello de Ribadumia mantén aberto o prazo para que todos aqueles colleiteiros que estean interesados en participar na venta de viño durante a celebración da festa de Barrantes soliciten a súa participación nos stands de venda. Deben pasar polas dependencias municipais ou poñerse en contacto con calquera dos membros da Comisión de Festas antes do próximo día 15 de maio. Como en todas as edicións, os postos de venda de viño situaranse na carpa habilitada na avenida Bouza Martín.

Catas por parroquias

Por outra banda, e dentro da programación das festas, acordouse como novidade a centralización das catas no Centro Social de Barrantes. Así será unha un comité de catas formado por viticultores e catadores os que puntúen os mellores caldos.

As normas de presentación de seis botellas tipo bordelesa mantéñense, pero varían os prazos e lugar de presentación. Para os viños tipo Barrantes serán os días 21 e 22 de maio no Centro Social de Barrantes entre as 19:00 e 22:00 horas e para os viños na categoría de autóctonos o 14 e 15 de maio, no mesmo centro e horario.

A precata para clasificar os doce viños tipo Barrantes para a final farase do 26 ao 31 de maio a partir das 21:00 horas no Centro Social de Barrantes e a precata final será os días 4 e 5 de xuño as 21:00 horas. Cada adega pode presentar un máximo de dous viños.

30 de abril de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.