Ribadumia comeza os preparativos para a III edición da BTTinto do vindeiro 8 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRibadumia
A-
A+

Un ano máis, o Concello de Ribadumia en colaboración coa Deputación de Pontevedra, e os clubes CC Armenteira e Punto, Salnés Bici e CDM Xesteiras, pon en marcha a III Ruta BTTinto de Barrantes que se celebrará o vindeiro 8 de xuño coincidindo coa XLII festa do viño tinto.

A presente edición será unha ruta libre, non federada e de inscrición gratuíta coa que se espera que miles de persoas chegadas de toda Galicia, expertos e afeccionados, se animen a participar nesta cita deportiva que cada ano conta con máis seguidores.

Rutas para afeccionados e veteranos

Está planificada unha ruta corta de 33 quilómetros; unha longa de 46 ademais dunha proba combinada de 33 quilómetros de BTT e 20 de carreira; e unha ruta de sendeirismo de 20 quilómetros entre outras novidades no trazado que non decepcionarán aos deportistas que concorran o evento.

As rutas programadas contan cun nivel medio-alto, algo que sen dúbida suporá un reto para os que xa contan con certo nivel no dominio da bicicleta, pero que non intimidará aos usuarios ocasionais que se animan na práctica deste deporte.

Por outra banda non faltarán regalos sorpresa grazas á colaboración de marcas comerciais como Amura, Cube, Sportful, Spiuk, Cannondale, ou Maxim entre outros, que enviarán material para sortear entre os participantes ademais de trofeos non competitivos que servirán como recoñecemento do seu esforzo e cos que se pretende dinamizar o ambiente durante a xornada festiva programada.

Un ano máis, o Concello de Ribadumia e a Deputación de Pontevedra queren seguir apostando por eventos como este, e é que a BTTinto estase a converter nunha competición deportiva de obrigada cita debido ao seu crecemento espectacular con máis de 2.000 participantes na pasada edición, o que converte a proba de Ribadumia nunha das tres máis importantes de España por número de participantes.

O concello abrirá nos vindeiros días o prazo de inscrición, que poderá facerse a través da súa web www.ribadumia.org.

12 de abril de 2014 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.