Ribadumia acolle o programa “Cambio de sentido” de prevención selectiva do consumo de alcohol e outras drogas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia acolle mañá as 19:30 horas o programa “Cambio de Sentido” na Autoescola de Barrantes. A actividade está enmarcada no convenio que anualmente firma a entidade local co Servizo Preventivo Asistencial de Drogodependencias (SPAD).

A actividade desenvolverase nunha sesión de aproximadamente 2 horas de duración, dirixida á poboación que está preparándose para a obtención do permiso de circulación.

A xustificación deste tipo de intervención parte da alta incidencia do alcohol na sinestralidade do tráfico. O consumo de alcohol constitúe un destacado factor de risco nos accidentes de tráfico e lesións asociadas ós mesmos.

Entre outros os contidos abordados será:

-Introdución o tema da seguridade viaria, o alcohol e outras drogas.

-Descrición da situación actual do consumo de alcohol.

-Ilusión da invulnerabilidade.

-Uso-abuso: “uso racional do alcohol”. Conceptos básicos sobre o alcohol (qué é o alcohol?; tipos de bebidas e gradación alcohólica, unidades de bebida; mitos e crenzas; metabolización e eliminación do alcohol; efectos e riscos do se uso/abuso; alcoholemia (taxa de alcohol no sangue)).

-Alcohol e condución.

-Recomendacións (establecendo límites) en caso de ter pensado beber alcohol (que facer e que non facer).

-Medicamentos, outras drogas e condución.

-Lexislación sobre o alcohol e condución (infraccións máis asociadas co seu consumo).

Os obxectivos perseguidos con esta actividade son:

1.-Mellorar a información dos alumnos/as das autoescolas en relación ós riscos asociados á condución de vehículos baixo os efectos do consumo de alcohol e outras drogas.

2.-Incrementar a percepción de “vulnerabilidade persoal” derivada da condución dun vehículo tras consumir alcohol ou outras drogas.

3.-Reducir o número de accidentes viarios entre os mozos/as nos cales interveñen o alcohol e outras drogas.

4.- Reducir o número de lesionados e mortos en accidentes viarios entre a mocidade nos cales interveñen o alcohol ou outras drogas.

5.-Promover actitudes e condutas máis seguras e responsábeis na condución de vehículos entre a poboación que se está a preparar para obter o permiso de circulación nas autoescolas.

Tamén persegue outros obxectivos mais específicos como:

1.-Facilitar información sobre o impacto que a inxesta de alcohol e outras drogas teñen sobre as capacidades para a condución de vehículos.

2.-Incrementar a percepción do risco asociada á condución de vehículos baixo os efectos do alcohol ou drogas.

3.- Reforzar a motivación para evitar o uso do vehículo cando se superan as taxas máximas de alcoholemia permitidas.

4.- Promover entre os alumnos/as das autoescolas alternativas á condución baixo os efectos das drogas.

Este é unha mais das medidas coas que se pretende sensibilizar a poboación sobre a necesidade da prevención do consumo e reflexionar e analizar sobre as consecuencias das drogas.

9 de abril de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.