Rianxo, Gondomar, Verducido e Pontevedra acollerán diversas competicións de piragüismo que reunirán a máis de 1.000 deportistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaDeportesDeportes PortadaGondomarPontevedraRianxo
A-
A+

Kaiak de mar, slalom, proba de promoción e kaiak polo son as modalidades do piragüismo galego que terán actividade este fin de semana. Rianxo, Gondomar, Verducido e Pontevedra acollerán as diferentes competicións que reunirán a máis de mil deportistas de todas as especialidades.

A Copa Sipre de kaiak de mar chega a Rianxo, onde o sábado, a partir das 16.00 horas, disputarase a terceira regata da tempada. A competición está destinada para os cadetes, xuvenís, sénior e veteranos, como vén sendo tradicional. Ademais, será valedoira para as puntuacións particulares de cada padeeiro, unha nova iniciativa que se puxo en marcha na actual tempada.

Para os cadetes, a distancia a percorrer será de cinco mil metros, e o dobre para o resto das categorías. Á cita acudirán a maior parte dos equipos galegos.

O domingo, a partir das nove da mañá, disputarase o segundo torneo de kaiak polo en Verducido. Unha xornada intensa, tal como sucedeu en Ferrol hai unhas semanas, e que volverá reunir aos mellores equipos dunha especialidade que creceu de maneira notable tanto en número de equipos como en deportistas.

En Pontevedra, no río Lérez, disputarase tamén o domingo pola mañá, a segunda regata da liga Galega de Promoción para as categorías de alevíns e infantís. Na primeira delas percorrerán 1.500 metros e na segunda, 3.000. Nas citadas probas daranse cita máis de catrocentos padexeiros.

E tamén o domingo, Gondomar será o escenario da segunda regata da liga Galega de Promoción de slalom. Competirán os alevíns, benxamíns e infantís. Están previstas máis de cen saídas. Do mesmo xeito que sucedeu noutras probas, tamén acudirán padexeiros portugueses.

11 de abril de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.