Realízanse as probas de selección aos candidatos para os 17 postos do plan provincial de emprego en Cangas
Esta mañá tiveron lugar no salón de plenos do concello as probas selectivas para os 17 postos de peón enmarcados dentro do Plan Provincial de Emprego 2014, promovido pola Deputación de Pontevedra.
Do total de 51 persoas seleccionadas pola oficina de emprego de Cangas para os postos ofertados presentáronse ao exame 45. Concretamente 11 para os postos de peón forestal, 12 para os agrícolas, 17 para os de barrendeiro/a e 5 para os de albaneis. Os aspirantes a cada posto deben ser persoas maiores de 30 anos que non alcanzaran a idade de xubilación forzosa, que estean escritos no INEM coma demandantes de emprego e que preferiblemente non perciban ningunha prestación.
As probas dividíronse en dúas partes. A primeira foi a teórica que deu comezo ás 10.00 horas e consistiu nun cuestionario con preguntas relativas ás técnicas de traballo e ferramentas a utilizar polos peóns e a segunda, que se levou a cabo a partir das 13.30 horas, foi a realización dun exercicio práctico en función do posto ao que aspire cada candidato.
Grazas ao Plan Provincial de Emprego o Concello de Cangas poderá contratar, a tempo parcial durante seis meses, a catro peóns forestais para o servizo de limpeza e desbroce do entorno de xacementos arqueolóxicos; cinco peóns agrícolas para o roce e limpeza de espazos públicos; seis peóns de limpeza viaria e dous albaneis de apoio para as Brigadas Municipais, que traballarán nunha xornada de 25 horas semanais.
Esta previsto que o listado cos resultados do proceso selectivo se publique mañá xoves a partir das 13.00 horas no taboleiro de anuncios do concello e tamén estarán dispoñibles na páxina web do concello.











