Raúl Alonso, alumno do IES Carlos Casares, acada a medalla de ouro nas Olimpíadas de Física e Matemática

Bravo Bosh na reunión con Raúl Alonso Rodríguez
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, recibiu esta mañá a Raúl Alonso Rodríguez, alumno vigués do IES Carlos Casares que este ano conseguiu dúas medallas de ouro, unha en Física e outra en Matemáticas. Recentemente vén de recibir a medalla de ouro por acadar o 2º posto na XXV Olimpiada Nacional de Física que se celebrou os días 5 e 6 de abril na Coruña. Era a primeira vez que participaba neste certame e obtivo a segunda mellor nota de entre 140 estudantes de toda España.
Este segundo posto que acadou na Olimpiada Española de Física non é o primeiro galardón que conseguiu este ano xa que a finais do mes de marzo recibiu outra medalla de ouro polo 4º posto na L Olimpiada de Matemática Española que tivo lugar en Valencia.
Xa coas dúas clasificacións conseguidas será un dos representantes españois nos encontros internacionais de matemáticas e física que se celebrarán en Cidade do Cabo e Kazajistán, respectivamente, aínda que por coincidencia de datas terá que renunciar a unha.
Bravo Bosch interesouse polo seu futuro académico e animouno a continuar nesta liña considerando, ademais, que o seu pulo e iniciativa persoal supón un modelo a seguir para o resto de alumnado e para os nenos e nenas máis cativos.
Raúl Alonso estuda 2º de Bacharelato no IES Carlos Casares de Vigo e, coma enfatizou Bravo Bosch, sempre estudou na ensinanza pública. Ademais, tampouco é a primeira vez que acada excelentes resultados no ámbito dos estudos de Matemáticas xa que o ano pasado participou por primeira vez na XLIX Olimpiada Matemática conseguindo unha meritoria medalla de prata. “Trátase dun excelente alumno que no ano 2013 recibiu o premio Extraordinario de Educación de Secundaria Obrigatoria por labrarse un dos catro expedientes máis brillantes da cidade e un dos vinte primeiros de Galicia”, gabou a delegada territorial.
No recibimento, que tivo lugar na Delegación da Xunta, Raúl Alonso estivo acompañado polos seus pais, polo director do IES Carlos Casares, Carlos Bartolomé, e polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares.











