Proposta de sanción ó rexedor de Monforte pola concentración contra o canon de Sogama
A Subdelegación do Goberno na Coruña iniciou, a proposta da Comisaría de Policía de Santiago, un procedemento sancionador contra o alcalde de Monforte polos feitos acontecidos na concentración que os alcaldes contrarios á suba do canon de Sogama levaron a cabo en Compostela. Dende a Subdelegación do Goberno cualifican a infracción como “grave” e sancionan ó rexedor monfortino cunha multa de 300 euros.
Diante da negativa da Xunta de Galicia a abrir vías de diálogo sobre o desmesurado incremento da taxa que os concellos pagan a Sogama, varios representantes do movemento municipalista contrario á suba do canon levaron a cabo diversas accións de protesta en Compostela: unha concentración de alcaldes e cargos electos diante do Parlamento de Galicia, unha concentración en San Caetano (fronte á Xunta de Galicia), e un peche nas dependencias de San Caetano.
A denuncia contra Severino Rodríguez débese a que o rexedor monfortino exerceu como representante deste grupo de alcaldes e foi a persoa que solicitou o preceptivo permiso para concentrarse diante do Parlamento de Galicia o pasado día 11 de marzo.
O alcalde, que recibiu a proposta de sanción a pasada semana, ten un prazo de quince días hábiles para presentar alegacións e vai recorrer a mesma. Severino Rodríguez considera que “un problema político como é a suba do canon de Sogama non debe converterse nun asunto de orde pública”.
Segundo adiantou o alcalde monfortino “se a multa pretende disuadirme de que me mobilice á procura de solucións de problemas que padecen os monfortinos, non o vai conseguir. A Delegación do Goberno equivócase gravemente, non se pode criminalizar que os alcaldes actuemos responsablemente en beneficio dos nosos concellos. A solución é a negociación, non amedrentar aos representantes dos veciños. A solución é o diálogo, non as multas.”











