Programa de termalismo da Deputación de Ourense
A concellaría de Benestar Social, que dirixe a edil Purificación Alberte, informa da apertura do prazo para o programa de Termalismo Saudable. Poderán beneficiarse deste programa as persoas que cumpriran, cando menos, cincuenta anos de idade na data da formulación da solicitude. Non padecer enfermidade nin alteración ou contraindicación médica que dificulte ou impida a normal convivencia nos establecementos balnearios. Ser persoa válida para as actividades da vida diaria. Tamén poderán ser beneficiarios da subvención, como acompañantes, as persoas que, aínda que que non reúnan as condicións esixidas para ser solicitantes, desexen aloxarse nos establecementos balnearios e/ou recibir os tratamentos como acompañantes dunha persoa que reúna os requisitos sinalados.
Este programa financiará estancias nos establecementos balnearios da provincia de Ourense de 6 días de duración (5 noites) de luns a sábado (en réxime de habitación dobre compartida en pensión completa).
Os establecementos balnearios onde se realizarán as estancias e tratamentos subvencionados son os seguintes:
– Balneario –Hotel Baños de Molgas.
– Gran Balneario do Carballiño.
– Balneario Arnoia Caldaria
– Balneario Laias Caldaria
– Balneario Lobios Caldaria.
As persoas interesadas poderán xa solicitar a inscrición a través das oficinas de Benestar Social do Carballiño, situadas na rúa Faustino Santalices.
Así mesmo tamén está aberto o prazo para o Programa de Cultura Termal, para o que se deben ter cumpridos, cando menos, 18 anos de idade. Non padecer enfermidades nin alteración ou contraindicación médica que dificulte ou impida a normal convivencia nos establecementos balnearios. Ser persoa válida para as actividades da vida diaria. Tamén poderán ser beneficiarios da subvención, como acompañante as persoas que desexen aloxarse nos establecementos balnearios e recibir os tratamentos como acompañante dun solicitante así como os menores de 12 anos, con máximo de 1 por solicitante, que se aloxen co solicitante e se acompañante na mesma habitación. Neste caso, a súa participación terá que ser pedida de forma conxunta coa da persoa que reúna os requisitos para ser considerado solicitante.











