Previsel contribúe na consolidación da prevención como prioridade empresarial

Xornada en Previsel
”Que a prevención sexa unha prioridade nas empresas e que éstas vexan que o investimento en seguridade laboral non é un custo senón que é un investimento que ademais pode redundar na mellora da produtividade empresarial e favorecer o crecemento económico. Con esta reflexión o director de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, presidía esta mañá o acto de apertura de Previsel incidindo na importancia “de que difundir a cultura da seguridade no traballo é unha cuestión esencial, vital e que require da implicación de toda a sociedade, especialmente nun tempo en que a crise económica non debe servir de pretexto para retroceder no camiño que xa temos avanzado”.
O director xeral estivo acompañado por outras autoridades como o presidente do comité executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, Celso Barbosa, quen destacou que “todos debemos traballar unidos para que a prevención siga sendo un símbolo de calidade, competitividade e eficiencia da empresa, tendo en conta sempre que a formación neste eido é una ferramenta básica para vencer a sinistralidade laboral”. Tamén acudiron a esta cita, entre outros, o concelleiro de Facenda de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, o presidente da Confederación Empresarial de Ourense e vicepresidente do comité executivo de Expourense, José Manuel Pérez Canal, o subdelegado do Goberno en Galicia, Roberto Castro, e o director do centro do ISSGA de Ourense, Ángel López.
Previsel abriu as súas portas esta mañá en Expourense consolidado como o punto de encontro e o escaparate elixido para visibilizar a unión dos esforzos de todos os axentes implicados na prevención para loitar contra a sinistralidade laboral. Administración, asociacións empresariais, empresas, sindicatos, equipos de emerxencia e colexios profesionais presentarán ata mañá as últimas novidades en produtos e servizos vencellados coa prevención.
A xornada de hoxe estivo centrada en dous sectores: o agro e a seguridade laboral viaria. O índice de siniestralidade laboral descendeu nun 5,41% no 2013 con respecto ó ano anterior n todos os sectores agás no primario. Isto levou ó ISSGA a organizar dúas xornadas orientadas a adegueiros, agricultores e gandeiros nas que se analizan os principais riscos que poden sufrir no exercizo do seu traballo.
Vencellado aos riscos no sector agrario e aos accidentes en tractor, Previsel acolleu a presentación do sistema “Inclisafe”, un dispositivo que calcula a estabilidade do vehículo e avisa do risco de envorcamento xa sexa por velocidade, pendente ou estado do terreo. En España hai na actualidade un millón de tractores cuxa condución ou manipulación causou en 2013 un total de 73 accidentes mortais, dos cales só o 60% foi recoñecido como accidente laboral.
O agro é tamén o protagonista da xornada sobre prevención no proxecto de edificacións no medio rural na que participan representantes de distintos colexios profesionais vencellados á construción. Ó concluír esta sesión desta tarde, terá lugar un obradoiro relacionado co granito e as ferramentas existentes para a xestión da seguridade e saúde laboral dos traballadores.
A seguridade laboral viaria foi outro dos temas abordados nesta primeira xornada cunha conferencia na que participaron o xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, a Inspección de Traballo e a mutua FREMAP. Outra das novidades é a exposición sobre os distintos corpos de seguridade que operan en Galicia ou a mostra “A prevención é a mellor medida” de FREMAP e que se pode ver por primeira vez en Galicia.
Esta primeira xornada incluíu ademais un simulacro de evacuación di recinto feiral de Expourense en caso de incendio no que participaron os Bombeiros de Ourense e Protección Civil.











