Preséntase o décimo número da revista galega Galeduso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O vindeiro mércores 9 de abril no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago (Campus Vida), terá lugar a presentación das revistas Galeduso, nº 10, e Revista Galega da Educación, nº 58.

A revista Galeduso dedica o seu último número monográfico á “Educación social e Educación ambiental”, mentres que a Revista Galega de Educación o fai á “Cooperación para o desenvolvemento”.

No acto intervirán as persoas coordinadoras dos números, así como autores de artigos.

Aínda que as publicacións son editadas por entidades diferentes (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia no caso de Galeduso e Nova Escola Galega no caso da Revista Galega de Educación), comparten este espazo ao teren moitos puntos en común, como a visión pedagóxica, a pluralidade, ou a promoción da lingua galega. Ambas publicacións comparten ademais unha marcada perspectiva dende a Educación Social.

Sobre Galeduso

É un dos principais soportes de comunicación do Ceesg, vía de expresión das educadoras e dos educadores sociais, fonte de intercambio científico e profesional, contedor de experiencias e boas prácticas na Educación Social, xerador de propostas reivindicativas de mellora no campo profesional e na sociedade no seu conxunto. Dende o ano 2010 ten un carácter monográfico e unha periodicidade anual, abordando, en profundidade, os temas emerxentes na Educación Social.

Sobre a Revista Galega de Educación

Defínese como unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida aos profesionais da educación en Galicia; plural e construída desde as posicións de reforma democrática da educación, ao servizo dunha sociedade solidaria, libre e cultural e lingüisticamente normalizada, posicións todas elas preconizadas polo conxunto de Movementos de Renovación Pedagóxica, e singularmente por Nova Escola Galega. Pretende axudar a impulsar un clima e unha mentalidade pedagóxicos propicios -desde a perspectiva teórica, didáctica e metodolóxica- para acadar un sistema educativo público, galego, renovado e democrático.

7 de abril de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.