Preséntase o Concurso de Pinchos de Primavera de Ourense
A Concellería de Turismo do Concello de Ourense presentou esta mañá as bases do Concurso de Pinchos de Primavera, que se celebrará do 26 de maio ao 8 de xuño. A cita acada a súa cuarta edición, á que haberá que engadirlle outras seis da súa variante de outono, e conta un ano máis, conta coa inestimable iniciativa da Unión de Hosteleiros de Ourense (UHO).
A concelleira de Turismo, Mónica Vázquez, anunciaba esta nova edición como “unha boa noticia para a dinamización turística da cidade, na que só dicir ‘Sabores de Ourense’ xa abre o apetito e as ansias por degustar as criacións dos nosos hosteleiros”.
Así, todos os establecementos interesados están chamados a inscribirse nesta iniciativa até o vindeiro 5 de maio, sendo as espectativas da Concellería as de superar con creces os 52 locais da edición anterior. Javier Outomuro, secretario da UHO, animou neste sentido a estender a participación polos barrios, e indicou que “a continuidade do concurso dá boa medida do recoñecemento” que ten entre os ourensáns.
Como novidades máis salientables da convocatoria, os pinchos terán un prezo máximo de 2,5 euros, unha demanda dos propios consumidores coa que se sensibilizaron todos os establecementos.
Así mesmo, e por primeira vez, todos os participantes deberán abonar unha cota de 50€ por participar (100€ no caso dos establecementos non asociados á UHO). En opinión de Outomuro, o feito de cobrar dálle “respeto e valor aos fogóns”, ao tempo que axuda na promoción e dá máis recursos para avanzar na profesionalización do concurso.
No tocante aos premios, mantéñense os clásicos outorgados pola prensa, as votacións dos consumidores e por un xurado profisional. A maiores engádense os premios ao pincho de mellor iniciativa emprendedora, o pincho ‘toma pan e molla’, no que se valorará o conxunto máis saboroso, prebe incluída, e o pincho apto para celíacos.
Os mellores datos turísticos dos últimos cinco anos
O anuncio do Sabores de Ourense faise logo de coñecer os datos de visitantes da Semana Santa, os mellores en cinco anos. “Os datos avanzan que imos polo bo camiño”, apuntaba Mónica Vázquez, “e o traballo desta concellería unido ao esforzo de todos os axentes turísticos veñen confirmando unha realidade: Ourense suscita interese lonxe das nosas fronteiras”.
De xoves a sábado, os hoteis da cidade colgaron o cartel de non quedan habitacións, con ocupacións que en ningún caso baixaron do 98%. Os datos, pormenorizados por Ana Rodríguez Mazaira, profesional da Oficina de Turismo de Ourense, falan de 535 demandantes de información na Oficina de Turismo.
Para 9 de cada 10, esta era a súa primeira visita a Ourense e, malia que a maioría ficou un só día, a tendencia (un de cada cinco) indica que comezan a quedar máis de dous días. En canto á orixe, notouse un incremento notable de visitantes doutros puntos da xeografía española que non fose Gaicia, 6 de cada dez e, deles. “moitos asturianos e madrileños”. No tocante aos estranxeiros (un 7% do total), proviñan principalmente de Europa.
Aínda que a referenza principal segue a ser a termal -os responsables da concellería de termalismo destacan un despunte de estranxeiros entre os bañistas-, na Oficina de Turismo tamén se deu moita información sobre a provincia, sendo a Ribeira Sacra e o complexo de San Cibrán de Lás os destinos máis demandados.
Desde a Oficina de turismo [aberta ao público de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas de luns a venres, e de 11:00 a 14:00 horas os sábados e festuivos] trabállase en “mimar o turista, porque é o que en definitiva vai acabar falando de nós”.











