Preséntanse os XXIII Xogos Florais María Pita, dedicados a Teresa Herrera
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou a XXIII edición dos Xogos Florais María Pita, convocados pola Orde de Cabaleiros de María Pita e dedicados, este ano, á figura de Teresa Herrera con motivo do 220 aniversario da inauguración do Hospital de Caridade que financiou e alentou coas palabras que foron elixidas como lema deste ano: “Si son curtos os meus bens, é infinita a bondade de Deus”.
Xa se publicaron as bases do certame no que poderán participar, como sempre, todas as persoas que o desexen, excepto as gañadoras do ano anterior. Os temas basearanse en composicións poéticas en dúas categorías: senior–maiores de 18 anos-, e xuvenil, con premios de 1.000 e 500 euros, respectivamente. Os traballos deberán ser orixinais, terán un máximo de 100 versos e poderán entregarse ata o próximo 30 de setembro.
Os títulos dos poemas finalistas faranse públicos dentro da programación dos actos das Festas do Rosario 2014. “As festas dedicadas á patroa da nosa cidade que este ano recibirán un impulso e que, como é tradicional, incluirán na súa programación actividades para todos os públicos, entre as que contaremos cos XXIII Xogos Florais da Orde de Cabaleiros de María Pita”, sinalou a concelleira e engadiu: “Tres figuras femininas que deixaron pegada no destino da cidade coinciden este ano na convocatoria do certame: a nosa heroína María Pita, a nosa patroa a Virxe do Rosario e Teresa Herrera, un exemplo de solidariedade”.
Ana Fernández felicitou á Orde de Cabaleiros de María Pita pola convocatoria desta iniciativa que actúa como estímulo para os escritores, “xa que grazas a este tipo de certames a historia da literatura conta con obras que, doutro xeito, quizais non se escribiron nunca” e concluíu lembrando que a festa final terá lugar na Ágora, onde se desenvolverá unha velada poética protagonizada polos autores dos poemas finalistas.











