Preséntanse 24 candidaturas á I edición da Gala da Cultura do Concello de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

A veciñanza de Oroso presentou un total de 24 candidaturas á primeira edición da Gala da Cultura do Concello de Oroso, unha iniciativa coa que o Concello pretende recoñecer o mérito das persoas, entidades, asociacións ou empresas que destacaran no ámbito cultural tanto durante 2013 como durante a súa vida profesional. O xurado, presidido polo concelleiro de Cultura, Antonio Leira, xa escolleu aos 15 finalistas nas 5 categorías convocadas, cuxos nomes serán dados a coñecer durante a celebración da Gala da Cultura este venres 11 de abril, ás 20:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro.

Os recoñecementos contarán con cinco categorías: premio á Traxectoria durante o ano 2013, premio á Traxectoria de toda unha vida profesional no eido da cultura, premio á Promesa 2013 (que despunte nalgunha categoría ou disciplina artística), premio á Asociación/Entidade que en 2013 potenciase a cultura en Oroso e premio á Empresa que apoie a cultura.

Os nominados nestas cinco categorías por parte dos veciños e veciñas de Oroso son: María Isabel Míguez Mallo, José Luís Carro Barreiro, Constantino Cuesta Ibáñez, Antonio Matías, Dani de la Torre, José Manuel Precedo Nouche, Susi Gesto, Emiliano Sánchez Velazco e Tania Carro Carbía, nas modalidades individuais. Nas modalidades de asociación e empresa, os nominados son: Norjapi, Grupo Puentes, Librería Aula 10, Librería Refoxos, Restaurante Cortes, Eulogio Viñal, La Caixa, Restaurante Os Mariñaos, Vegalsa- Erosky, Escola Infantil A Ulloa, Familia Caamagno, Coro Voces Amigas, Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre, Asociación Folclórica Buxos Verdes e ACES (Asociación de Comerciantes de Sigüeiro).

Entrega de premios

A relación de galardoados darase a coñecer durante a celebración da I Gala da Cultura, que terá lugar este venres 11 de abril, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa de Sigüeiro. Os premios non terán dotación económica algunha, xa que os galardoados recibirán un placa e un diploma como recoñecemento á súa labor cultural.

Previamente á entrega dos premios, o Concello de Oroso entregará os diplomas de participación aos 125 veciños e veciñas que participaron nos distintos obradoiros celebrados durante este ano. Os alumnos e alumnas da Aula de Música de Oroso serán os encargados de poñer a nota musical á velada.

 

9 de abril de 2014 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.